quarta-feira, 30 de janeiro de 2008

[O Xornal] A Xunta e Eroski firman un convenio para promover o uso do galego nos móbiles

Eroski e Vegalsa fomentarán como un dos requerimentos básicos dos seus terminais, nos seus pedidos a fabricantes, que o galego sexa unha opción idiomática dos menús e aplicacións.

Os grupos de distribución alimentaria EROSKI e Vegalsa-Grupo Eroski e a Consellería de Innovación e Industria, da Xunta de Galicia, veñen de subscribir un protocolo de colaboración por medio do cal fomentarán de forma progresiva durante a vixencia do convenio, 31 de decembro de 2008, a presenza do galego no ámbito da telefonía móbil. Asinaron o convenio por parte de EROSKI, a directora da Secretaría Xeral da Presidencia, Leire Barañano Orbe; por Vegalsa, o director xeral, Joaquín González Iglesias; e por parte do departamento de Innovación e Industria, o conselleiro, Fernando Xavier Blanco Álvarez.

Entre os compromisos concretos que adquiren EROSKI e Vegalsa, a través da súa operadora de telefonía, figuran o de fomentar como un dos requerimentos básicos dos terminais, nos seus pedidos a fabricantes, que o galego sexa unha opción idiomática dos menús e aplicacións. Este compromiso farase efectivo nos pedidos do próximo verán e de Nadal e Reis de 2008. Así mesmo, comprométense a realizar, dentro das súas comunicacións, campañas cos seus aboados sobre a disposición de terminais en galego, ofrecendo a posibilidade de renovar e/ou substituír os móbiles que non teñan a opción de galego por terminais que sí a teñan, e adquirir móbiles coa opción de galego. Tamén se comprometen a indicar claramente en calquera soporte publicitario, puntos de distribución e no seu sitio web que as terminais teñan a opción de galego. Vegalsa comprométese en toda a súa rede de supermercados da xeografía galega a facer as recargas de telefonía móbil e a difusión do galego.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, facilitará o apoio institucional necesario a calquera iniciativa da operadora que teña como finalidade a promoción da lingua e a cultura galegas. Ademais, facilitará gratuítamente o asesoramento lingüístico á operadora de EROSKI que así o solicite na revisión terminolóxica das traducións ao galego. A Consellería promocionará anualmente, con prioridade durante a campaña de Nadal e de Reis, as novidades que haxa en galego baixo o concepto xenérico “Telefonía móbil en galego”, citando expresamente a operadora de EROSKI.

Dereito dos galegos

A Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, recoñece os dereitos dos cidadáns galegos en materia lingüística, particularmente o dereito a expresarse en calquera das dúas linguas oficiais. O Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, asume, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, entre outras competencias, a de promover actuacións relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información e do coñecemento, fomentando o uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións en todos os ámbitos da sociedade galega.

O Parlamento de Galicia aprobou recentemente o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) presentado pola Consellería de Innovación que inclúe dentro das súas estratexias o uso do galego nas utilidades cotiás da sociedade da información. Ademais, a Mesa do Parlamento de Galicia acordou por unanimidade a admisión a trámite da Proposición non de Lei sobre a adopción de medidas para a incorporación da lingua galega aos teléfonos móbiles.

Fonte: O Xornal.

Sem comentários: