segunda-feira, 21 de janeiro de 2008

[Galicia Hoxe] Bilingüismo (II)

AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Non se concretan os feitos aos novos tempos de Galicia. Levamos case a metade da época de todas as esperanzas contraídas, e Galicia segue a debaterse entre o si e o non do Estatuto e do bilingüismo. O si de ser civilizada, próspera e progresista e o non de ser colonia, subordinada e sometida.

Quéirase ou non, os problemas de Galicia seguen a ser esencialmente dous: a supervivencia da lingua de Galicia e a reforma urxente do Estatuto de Autonomía. Hai no guindastre gobernamental quen xoga a dúas bandas, ambiguo, equívoco e vacilante. Non son os dirixentes absolutos e non lles corresponde a última palabra. Esa derradeira, presumiblemente venturosa palabra pertence a xefes e xerarcas, omnímodos e todopoderosos, que xogan co futuro de Galicia como se fose unha propiedade particular e persoal. Galicia ha ser o que eles digan, no momento en que eles queiran e do modo que eles teñen preparado. En Galicia resulta difícil senón imposible saír do rego e dos designios. Esquécese demasiado livianamente que en Galicia tamén hai rebeldes, patriotas disidentes, desarticulados e cismáticos que poden sublevarse simplemente para cambiar a situación e os líderes da situación.

Foinos prometido un novo Estatuto. No 2005 ou no 2006, os aspirantes a novo eststuto eran seguramente minoría. Non minoría esmagadora, pero minoría. A parafernalia da reforma foi apoteósica. Pensouse que o novo Estatuto estaba cantado a tres voces mixtas. Era unha partitura acordada, cohabitada e fornicada. Os íncolas tiñan claro que o amor por Galicia dos tres líderes estaba fóra de toda dúbida. Non había razóns, ademais, para sospeitar. Os dirixentes, pese ás ameazas da campaña electoral, obrarían en conciencia imaxinando o mellor futuro de Galicia. Case todas as autonomías españolas estaban inmersas na tarefa de innovar, cambiar, modificar, rectificar e suprimir. Ou simplemente corrixir. As perspectivas eran optimistas. Agardouse a aparición dos tres caudillos, como moiseses triunfadores enarborando as táboas da lei, que aquí non se denominaba Sinaí, senón Monte Pío para maior contraste e repelencia.

Non. Non había promesa de Estatuto. Un dos citados por Iahvé estaba en contra. Alguén dixo en que temas concretos diverxía, pero a discordancia era confusa. Á discordancia contribuíu a glosa explicativa duha parte -a que sentaba á dereita de Iahvé- e á súa multitudinaria militancia. O proxecto do novo Estatuto depositábase na gabeta, almacenábase, reservábase, acumulábase en espera de venda e transacción, que ben puidera ser tamén prostitución carnal, tal como está afeito este país. Non se lle deu á cidadanía a oportunidade de decidir. Os tres líderes estaban en posesión da autoridade, do poder e das urnas. A cidadanía era ignorante, perversa e flatulenta, e para colmo, estaba vergoñentamente manipulada. Este desprezo á opinión pública rebelarase, un día, contra os enviados e mensaxeiros do Monte Sinaí-Monte Pío. Non se demorará a insurrección.

Non temos Estatuto pero o máis grave consiste en observar que algúns proceden como se o houbese. Eu non dubido da palabra presidencial. Pero cómpre desmentir as alburgadas que se contan. Desmentir é unha palabra nobre e necesaria. Sobre todo cando, como agora, se reincide na sangría do bilingüismo harmónico. ¿Que farsantes son eses, que triadores son eses que proclaman a voz en grito que o castelán é unha lingua tan galega como o galego? ¿Que histrións, e bufos, e impostores, hipócritas, trapalleiros e mentiráns, que declaran que o castelán é tan galego como o galego? ¡Ai! ¡As tres universidades de Galicia gardan silencio aciago e tráxico!

Fonte: Galicia Hoxe.

Sem comentários: