sexta-feira, 4 de janeiro de 2008

Aberto o prazo da convocatoria de subvencións a entidades sen fin de lucro que fomenten o uso social da lingua galega


Política Lingüística destina 850.000 euros ao financiamento de actividades encamiñadas a incrementar o emprego da lingua nos ámbitos da familia, a infancia, a mocidade e o lecer. As entidades interesadas en recibir estas axudas terán de prazo ata o 5 de febreiro para a presentación de solicitudes.

Santiago, 4 de xaneiro de 2008.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública unha nova convocatoria de axudas ás entidades privadas sen fin de lucro, que desenvolvan actividades destinadas a incrementar o uso social do galego. O Diario Oficial de Galicia de hoxe establece os requisitos para acceder a estas subvencións.

A familia, a infancia, a mocidade e o lecer son ámbitos de actuación prioritarios á hora da concesión destas axudas. Reforzar e incrementar a transmisión xeracional do galego, ampliar a presenza da lingua galega nas actividades de lecer, vincular a utilización da lingua con ámbitos de prestixio e modernidade, fomentar o uso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación ou traballar as actitudes positivas cara á lingua galega son algúns dos obxectivos desta convocatoria de subvencións, que se recollen, ademais, no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Cada entidade poderá presentar un único proxecto e o prazo para a recepción de solicitudes estará aberto ata o 5 de febreiro. Política Lingüística destina unha contía máxima inicial de 850.000 euros.

Terán consideración de subvencionables todas aquelas accións que contribúan a incrementar o uso da lingua galega nos ámbitos considerados como prioritarios e, neste sentido, recibirán financiamento entre outras actividades, obradoiros de lingua nos que se presente o galego como unha actividade lúdica, a creación de soportes diversos en galego, como revistas, sitios web ou cadernos que difundan actividades de interese para a mocidade, a elaboración de recursos para o lecer e xogos en lingua galega.

Tamén serán obxecto de axuda todas aquelas accións ou medidas que potencien a transmisión familiar da lingua, as que fomenten o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por parte da xente nova ou aqueloutras que promovan o desenvolvemento de actividades de lecer en lingua galega na infancia e que estimulen a participación dos nenos e as nenas nas nelas.

Criterios de concesión

Para o financiamento dos proxectos consideraranse criterios preferentes de concesión, o grao de relación da iniciativa coas medidas que aparecen no Plan xeral de normalización da lingua galega, a tipoloxía, innovación, creatividade e alcance do proxecto, a experiencia da entidade no desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística e de lecer entre a infancia e a mocidade, ou a realización de proxectos que combatan prexuízos e que fomenten actitudes positivas cara ao uso da lingua galega.

Fonte: Junta da Galiza.

Sem comentários: