domingo, 13 de janeiro de 2008

[Faro de Vigo] Un de cada catro viños autóctonos dispón xa de etiqueta en galego

REDACCIÓN / VIGO Un de cada catro viños elaborados na comunidade dispón de etiqueta en galego, correspondéndose a 120 marcas das 440 existentes en Galicia.

A cifra aumentará de contado co compromiso de que 21 adegas galeguicen a etiqueta na próxima colleita. Os datos foron facilitados onte polo Foro E.Peinador tralo encontro de empresarios mantido esta semana.

Na reunión do Foro, falouse tamén de acometer a etiquetaxe en galego dos produtos manufacturados así como dun programa de mínimos relativos á rotulación interior das empresas. Outra medida de galeguización tratada foi traducir ao galego os textos dos convenios colectivos.

Todas estas propostas foron "ben acollidas" polos empresarios participantes no Foro se ben "cada un deles manifestou o seu desexo de imprimirlle un ritmo específico", explicou nunha nota o presidente do colectivo, Xosé González Martínez.

Así mesmo, os responsables das empresas "mostraron o seu desexo de participaren no Pacto Social pola Lingua recollido no Plan Xeral de Normalización Lingüística e na participación nos actos que no futuro se programen co gallo do Día da Empresa en Galego", engadiu González.

Os representantes empresariais que acudiron ao encontro do Foro foron o director xeral de Cervezas Estrella Galicia, Xosé María Rivera; o director xeral de Gadis, Roberto Tojeiro; o presidente do Grupo Cuevas, Manuel de la Fuente, o director xeral de Norvento, Pablo Fernández; o director-xerente de Egatel, Esteban Solleiro; Gerardo García Albela como presidente de Itelsis; Mónica Pita en representación da conserveira Pita Hermanos; José Luís Vázquez por Cerámicas de Sargadelos; e o delegado da Zona Franca en Vigo, Francisco López Peña.

O obxectivo do Foro Peinador consiste na procura dun maior achegamento das empresas á lingua galega.

Fonte: Faro de Vigo.

Sem comentários: