sexta-feira, 18 de janeiro de 2008

[A Nosa Terra] Colaboración da TVG e a RTP

H. Vixande. As televisións galega e portuguesa realizarán proxectos comúns e compartirán espazos.

A partir da emisión en Portugal dun documental galego sobre o cantante José Afonso, as relacións entre as canles públicas galegas e portuguesas consolidáronse e o ano pasado a TVG e a Radio Televisión Portuguesa realizaron unha gala conxunta con ocasión do 25 de abril que probabelmente se repetirá nos vindeiros anos con puntualidade.

Ademais, as direccións das dúas canles tiñan moi avanzadas as negociacións para realizar unha serie de ficción e a emisión en Portugal dunha serie documental sobre a lusofonía realizada en Galiza. Estas negociacións detivéronse cando se renovou completamente a dirección da RTP, mais está prevista a súa reanudación proximamente.

A serie documental chámase Terras de Acolá e consiste en trece episodios de media hora de duración dirixida por Luís Menéndez que aborda a realidade dos países da lusofonía, incluídos entre eles a Galiza.

A TVG comezará en febreiro a súa emisión, para difundirse despois en Portugal. Respecto á colaboración de ficción, trátase dunha minserie dirixida polo portugués Leonel Vieira. É unha historia de suspense sobre mafias na fronteira. Xa hai unha partida orzamentaria para realizala. Na serie participa a produtora galega Continental.

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: