segunda-feira, 21 de janeiro de 2008

[A Nosa Terra] Jorquera: “O que está en risco é o galego”

A proposta de Rajoy de garantir por lei os dereitos dos castelánfalantes xerou reaccións no BNG. Consideran que a lingua que precisa de especial amparo non é o castelán, senón ao revés.

O cabeza de lista do BNG ao Congreso por A Coruña, Francisco Jorquera, advertiu ao presidente do PP, Mariano Rajoy, de que "o que está en risco en Galicia é o galego e non o castelán", polo que expresou o seu rexeitamento á proposta de garantir por lei os dereitos dos castelánfalantes.

"Se algunha lingua precisa de especial amparo é o galego e non o castelán, que goza dunha moi boa saúde no noso país", esgrimiu Jorquera. Ademais, acusou o líder popular de "boicotear o consenso sobre o idioma" na comunidade, onde, ao seu xuízo, existe "un amplo apoio cidadán á posta en marcha do Plan de Normalización Lingüística".

Esta iniciativa foi aprobada na pasada lexislatura por unanimidade das tres forzas políticas con representación no Parlamento galego e, segundo opinión, do dirixente nacionalista, a entrada en vigor da lei proposta polo PP suporía a súa derrogación. "O PP quere romper ese consenso e faino cunha irresponsabilidade manifesta e colocándose en posicións extremistas de busca do conflito alí onde non o hai", inferiu.

Rajoy, “cada día máis desnortado”

Interpretou que a proposta de Rajoy invade competencias exclusivas da Xunta, polo que instou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a que manifeste a súa opinión ao respecto. "Non nos sorprende a falta de respecto que demostra Rajoy polo autogoberno de Galicia", resaltou, e xulgou que o líder galego está "cada día máis descentrado e desnortado no seu propio partido".

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: