quinta-feira, 17 de janeiro de 2008

[El Ideal Gallego] E amor pedinche...

Santiago Fernández

A metade das 6.000 linguas que existen no planeta corren o perigo de desaparecer. O galego pode ser unha delas. Desde o concello da Coruña proponse o ecoloxismo ligüístico, a normalización do galego para convertelo nun vehículo normal de comunicación. Isto no tería que ser un acto de enfrontamento entre os distintos partidos políticos que gobernan a cidade. Non.

Corresponde aos poderes públicos, por medio dunha axeitada política lingüística e coa lexislación sempre como referente, o apoio e dinamización deste proceso.

A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, un tratado adoptado xa no (lonxano) ano 1992, protexe as linguas que son oficiais dentro das comunidades nun Estado descentralizado ( galego, catalán, éuscaro ).

Neste marco hai cidadáns que posúen unha clara conciencia lingüística e agrúpanse en asociacións para pular por un proceso normalizador, para salvar unha lingua, unha cultura; son os ecoloxistas das palabras, das falas.

Esta acción individual, asentada na vontade das persoas con sensibilidade cultural e no amor ao que herdamos da nosa historia, pode resultar definitiva, pois sen ela o proceso normalizador nunca se levaría a fin.

Mais esta exemplar normalización individual non se pode acadar sen un proceso consciente e voluntario de galeguización das institucións; na Galicia de hoxe aínda non se dan os condicionantes socioculturais e políticos que permitan a un individuo acceder á expresión completa en galego dunha maneira natural, espontánea e voluntaria.

A posibilidade de utilizar rexistros, vocabularios, literaturas diferentes tería que ser un feito que nos enchese de orgullo. Non todos os países poden gozar e enriquecerse cultural e socialmente en dúas linguas como é o noso caso. É evidente que cantos máis idiomas empregues, máis culto es.

Moitas veces radicalizamos o uso dun idioma por atrincheiramentos politicos, por obediencias, submisións partidistas, onde o líder político ou o partido así o esixen ou aconsellan; non por convicción libre e gozosa.

Que idioma falaban os avos dos que hoxe falan de imposicións?

É tan difícil non estar alienado?

Fonte: El Ideal Gallego.

Sem comentários: