sexta-feira, 18 de janeiro de 2008

[gznacion] Rosa Díez apostará en Galiza pola derogación da Lei de Normalización Lingüística

Unión, Progreso y Democracia (UPyD), o partido liderado pola ex eurodiputada socialista Rosa Díez, presentou hoxe as candidaturas coas que concorrerá ás próximas eleccións xerais só co obxectivo "de participar".

"Apostamos por unha educación laica de calidade que permita a igualdade efectiva entre cidadáns", sinalou o candidato por Pontevedra, José Manuel Rodríguez Andelo, e pasou a centrarse na relación que se establece entre idioma e educación. Para UPyD calquera "normalización" leva implícitos certos matices de imposición, polo que Rodríguez Andelo subliñou a aposta do partido por "derogar" a Lei de Normalización Lingüística.

O coordinador desta formación política en Galiza e cabeza de lista pola Coruña, Antonio Cascón, recoñeceu que non esperan conseguir representación na comunidade galega, pero que comparten a aspiración de obter un escano por Madrid.

"Non é derrotismo, senón realismo. Non podemos xogar a enganar aos votantes e cremos que estamos facendo un importante esforzo contribuíndo ao traballo global. O obxectivo é comunicar a mensaxe e participar neste movemento histórico, que se calla será imparable e cambiará o panorama político español por moitos anos", aseverou.

Nese sentido, Cascón explicou as dificultades que detectan para introducirse no espectro político do país, xa que "é complicado que o sistema e os medios de comunicación acepten un maior nivel de pluralismo". "Fálase de democracia, pero non se exerce, e os aparellos dos partidos están empeñados en manter o statu quo. Faise máis caso a unha rolda de prensa de Batasuna que a un movemento social como este", lamentou.

De momento, a formación política conta cuns 200 afiliados e simpatizantes que é "algo razoábel, pero aínda pouco" se se compara cos 4.500 que se contabilizan en todo o Estado Español, asegura. Por último, afirmou Cascón que os que se presentan polo noso país non o fan con aspiracións políticas, senón por “xenerosidade”.

Fonte: gznacion.

Sem comentários: