quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

[Xornal] Os centros de ensino privados poden pedir axudas para potenciar o galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina 81.000 euros a financiar as iniciativas dos equipos de normalización e dinamización lingüística destes centros de ensino regrado non universitario

I Santiago.- Os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas non universitarias poden optar desde hoxe ás axudas que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística para financiar proxectos de fomento de uso do galego. A resolución, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, aféctalles aos proxectos incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros, e establece que os criterios de cualificación dos mesmos serán a súa calidade e o número de estudantes do centro.

A calidade do proxecto terá un peso do 80 por cento e será puntuada de 0 a 24 puntos, en función da implicación activa dos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, a potenciación das competencias activas sobre as pasivas, a utilización de novas tecnoloxías, a colaboración con outras entidades e con outros centros educativos, a realización de actividades plurianuais e a diversificación destas ao longo do curso.

O número de estudantes terá un peso do 20 por cento, e a cada centro concederáselle un máximo de 6 puntos.

O importe das axudas ascende a 81.250 euros, e a contía máxima que se lle poderá conceder a cada proxecto será de 2.500 euros.

Compartir experiencias e recursos

A convocatoria destas subvencións forma parte dos obxectivos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para apoiar o traballo dos equipos de normalización e dinamización lingüística. Coa pretensión, ademais, de dar a coñecer o seu labor e de facer partícipes, a todos os membros da comunidade educativa, das experiencias máis innovadoras, que poidan servir como ferramentas útiles para outros centros, Política Lingüística ten á disposición de todos os interesados, na súa páxina web, os proxectos que recibiron os Premios á Innovación en Normalización e Dinamización Lingüística.

Estes premios, dotados con 2.000 euros cada un deles, recaeron, na pasada edición, nos proxectos desenvolvidos polos institutos de ensino secundario Félix Muriel, de Rianxo, Porta da Auga, de Ribadeo, Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, Perdouro, de Burela, Gonzalo Torrente Ballester, de Pontevedra, Laura Olmo, do Barco de Valdeorras e Chapela, de Redondela. Ademais, resultaron tamén premiados os proxectos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, o centro de educación infantil e primaria Isidora Riestra, de Pontevedra, e o colexio rural agrupado Nosa Señora do Faro, de Ponteceso.

Fonte: Xornal.

Sem comentários: