sexta-feira, 11 de janeiro de 2008

[O Xornal] A Mesa denuncia que o Estado actúa "como se o galego non existise"


O bot presentado onte polo Ministerio de Sanidade non recoñece a toponimia oficial de Galiza nin responde preguntas en galego.
XORNAL / Santiago.- O Ministro de Sanidade presentou onte unha campaña baixo o lema “Habla con Robin”, dirixida especialmente á xente nova, para informar sobre sexualidade, doenzas de transmisión sexual e consumo de alcol. A campaña consiste nun bot, denominado Robin, que é un asistente automatizado que calquera pode agregar ao seu messenger, a través do enderezo robin@msc.es, e a través de aí formularlle as preguntas que considerar convenientes.

Cando os usuarios agregan ese bot no seu msn, este preséntase e pregunta pola provincia da persoa coa que está a falar. Este servizo do Ministerio de Sanidade non recoñece, segundo denuncia a Mesa pola Normalización Lingüística , os únicos nomes oficiais de Ourense e A Coruña, só aceptando como válidas as correspondentes deturpacións de Orense e *La Coruña. No caso de pór o nome de lugar coa forma oficial, interrompe a conversa coa seguinte resposta: “Necesito algo de tiempo para pensar acerca de ello. Por favor, pregúntame más tarde.”

Posteriormente, Robin pregunta polo sexo. No caso de identificarse como “home”, tamén dirá que non comprende; se se insistir coa resposta en galego, o bot retrucará absurdamente: “¿Comer? No necesito comer. Soy una máquina” e “¿Qué coma el qué?”. As dúbidas que o usuario poida achegar en galego tampouco serán comprendidas: “Mmmm... no he reconocido ese dato ;) si no me das información precisa no te podré ayudar correctamente.”

A Mocidade pola Normalización Lingüística lamenta que o Ministerio de Sanidade “puxese en marcha este servizo con tan importantes deficiencias”. “Non é normal que a Administración Xeral do Estado actúe de costas á realidade plurilingüe, desenvolva as súas accións como se o galego non existise, como se non fose cooficial e como se as persoas e os pobos non tivésemos dereitos lingüísticos”, sinala a organización en defensa do idioma galego, que conclúe exixíndolle ao Ministerio de Sanidade que este bot recoñeza as provincias segundo a súa forma oficial e ofreza o dereito de opción lingüística.

Fonte: O Xornal.

Sem comentários: