sexta-feira, 25 de janeiro de 2008

[El Correo Gallego] A lingua de rebaixas

HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA

Lástima que a precampaña electoral coincida co tempo das rebaixas. Isto dá pé a certos políticos a trataren como mercancía estacional un dos tesouros que acumulou a humanidade: as diferentes visións do mundo que tallaron as linguas na alma colectiva de cada pobo.

Así que, dalgunha maneira, tamén entraron as linguas españolas distintas do castelán nas rebaixas do escaparate dalgúns partidos. A nosa, xa de por si endeble, vai resistindo como pode as presións que ten para manterse coa dignidade na que a colocaron os grandes escritores e a Lei de Normalización Lingüística, que a sacaron doutras rebaixas políticas. As linguas están influídas pola política, para se conservaren, se imporen a outra ou para desapareceren.

Rosa Díez apareceu por Galicia e, entre as promesas electorais, deixou caer que derogará a Lei de Normalización de 1983. Para esta política e os seus seguidores calquera normalización leva implícitos matices de imposición. Parecen non cavilar en que o uso normal do castelán como lingua de forte implantación na sociedade e nos medios de comunicación ten tamén matices de imposición. As linguas, xa se sabe, son todas impostas, mesmo que sexan os familiares das criaturas quen decida como se han de expresaren cando falen. Galicia é un caso paradigmático deste feito, pois varias xeracións de falantes cambiaron a lingua da súa prole cavilando que lle proporcionaban maior ascenso social.

A demagoxia que agocha a afirmación de que a administración malgasta recursos intentando inculcar un tipo de identidade cultural, supoño que non ten en conta que toda o ensino impón de seu un tipo de identidade cultural, corra un pouco máis ou menos a fronteira da identidade. Pero non hai nada máis estéril que querer explicar estas cousas elementais a quen non as quere entender.

Outro político que pon moi gustoso as linguas nas rebaixas é Mariano Rajoi, galego que mesmo formou algunha vez parte do noso autogoberno demostrando xa daquela un desprezo manifesto polo idioma propio do país. A teima de que máis inglés e menos galego é nel case enfermiza. Debe pensar que todas as persoas que teñen o galego como idioma normal para se desenvolveren entre os seus non coñecen máis código lingüístico ca este. E nisto anda -como noutras moitas cousas, a meu ver- moi, pero que moi trabucado.

Fonte: El Correo Gallego.

Sem comentários: