sábado, 12 de janeiro de 2008

[A Nosa Terra] O multilingüísmo de Touriño


María Seoane
(presidenta de Nuevas Generaciones do PP na Galiza)

Esta semana o Presidente da metade do goberno da Xunta nos sorprendía a moitos co seu último anuncio.

Agora cre que hai que fomentar o “multilingüísmo” na educación dos galegos. É que chegan as eleccións de marzo e Touriño ten que envolverse na bandeira do “goberno de España” e encher a axenda de actos electoralistas. Así que se antes (de cara a galería) non lle importaba a creación das galescolas do BNG agora di que os nenos galegos teñen que formarse en varios idiomas.

Non será que o Presidente Touriño pensa que o “multilingüísmo” significa multidiscurso segundo o que lle beneficie electoralmente?

Despois do 9 de marzo o Partido Socialista en Galicia volverá a plegarse ás esixencias dos seus socios pero nestes tempos convén marcar distancias.

O certo é que as galescolas seguen adiante promovidas polo BNG para aleccionar aos cativos galegos no ideario nacionalista coa conivencia do PSdeG, mentres que a maioría dos galegos queren unha sociedade libre, non teledirixida.

Non queremos que nas nosas escolas se formen autómatas de pensamento único senón cidadáns en plenitude de dereitos, con capacidade para elixir, escoller e decidir.

Os poderes públicos deberían de abrir todas as posibilidades (galego, castelán, inglés...) para que os mozos galegos opten, en liberdade, e decidan como queren que sexa a súa formación.

Pódense defender as linguas de moitos xeitos, sen necesidade de recorrer á imposición. Hai anos o goberno popular de Fernández Albor aprobou a Lei de Normalización Lingüística (recorrida polos socialistas ante o Tribunal Constitucional, ironías...) e creou a Radio e a Televisión Galega como espacios públicos para fomentar o uso do idioma.

Amamos a nosa lingua, coa que nos criaron as nosas mais e as nosas avoas cantándonos arrolos no berce e non precisamos dos idearios dos que pretenden patrimonializar os símbolos da Galicia de todos.

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: