terça-feira, 22 de janeiro de 2008

[Xornal] A Xunta leva a Bruxelas unha mostra do galego na diversidade lingüística

A secretaria xeral de Política Lingüística reuniuse co comisario europeo de Multilingüismo para informalo dos proxectos do Goberno galego en materia de lingua. Leonard Orban comprometeuse a estudar a posibilidade de incorporar o galego ás bases de datos terminolóxicas da Unión Europea.

XORNAL I Bruxelas .- Con motivo da celebración do Ano Internacional das Linguas, declarado pola Unesco para este 2008, e da celebración do Ano do Diálogo Intercultural promovido pola Comisión Europea, a Xunta de Galicia levará a Bruxelas, no último trimestre deste ano, unha exposición interactiva para presentar a lingua galega na diversidade lingüística. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentoulle o proxecto onte na tarde ao comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, no encontro que mantiveron na sede da Comisión Europea.

Co fin de contribuír a unha pedagoxía da valoración social das linguas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten previsto establecer un percorrido desta exposición polas principais cidades de Galicia e de España. Así mesmo, a exposición estará presente noutros puntos estratéxicos para a lingua galega, como Bruxelas ou Bos Aires.

Liñas estratéxicas
O comisario expresou o seu interese por esta iniciativa e manifestou a necesidade de facer confluír as liñas estratéxicas do comisariado coas accións promovidas desde a Secretaría Xeral para a promoción da lingua galega. Neste sentido, Marisol López informou a Leonard Orban sobre os principais retos para o galego no ámbito das novas tecnoloxías e da transmisión familiar, liñas principais de traballo da Secretaría Xeral de Política Lingüística na actualidade.

A secretaria xeral tamén lle trasladou ao comisario o interese do Goberno galego por incluír a lingua galega nas bases de datos terminolóxicas das institucións europeas. Leonard Orban comprometeuse a traballar para conseguir este obxectivo, que segundo explicou está neste momento en fase de discusión e debate.

Na súa estadía en Bruxelas, Marisol López mantivo tamén unha xuntanza co xefe da Unidade de Interpretación de español da Comisión Europea, Manuel Valdivia, con quen abordou as posibilidades de desenvolver accións formativas en lingua galega para os intérpretes da Comisión, en colaboración coas universidades galegas.

A secretaria xeral reuniuse así mesmo co director do Instituto Cervantes de Bruxelas, Francisco Ferrero, para achegarlle información sobre o novo sistema de certificación da lingua galega, o Celga. Neste ámbito, o Instituto Cervantes comprometeuse a publicitar este novo sistema e a ofertar cursos de formación.

Por último, Marisol López aproveitou para visitar a nova sede da Fundación Galicia Europa, que actúa como ponte entre as institucións galegas e os órganos da Unión Europea. Alí, a secretaria xeral reuniuse tamén con representantes da Asociación Couto Mixto de Bruxelas, constituída hai un ano para difundir, na capital de Europa, a realidade cultural galega en toda a súa riqueza e variedade.

Fonte: Xornal.

Sem comentários: