terça-feira, 8 de janeiro de 2008

A Mesa úrxelle á Consellaría de Educación un plan de formación en galego para o profesorado


O decreto 124/2007, ratificado polo TSXG, debe cumprirse sen excepción en todos os centros de ensino non universitario

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, asegurou esta mañá en conferencia de imprensa que o decreto 124/2007 de galeguización do ensino, promulgado o pasado verán, non se está a aplicar na maioría dos centros. Segundo os datos que manexa a asociación en defensa da lingua, os incumprimentos son especialmente graves no tocante ao idioma no que se imparten as aulas, e de xeito “masivo” en educación infantil.

O decreto 124/2007 foi ratificado xa por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), fronte ás denuncias xudiciais presentadas por colectivos contrarios ao galego, que perderon en todos os casos. O TSXG sinala que “o decreto do galego no ensino respecta os dereitos á liberdade e á igualdade recoñecidos na Constitución e non supón unha discriminación por razón de lingua”.

Tal e como asegurou Carlos Callón, “por civismo, porque as leis hai que cumprilas, este decreto debe aplicarse xa en todos os centros de ensino non universitario”. Algúns dos datos que se poden extraer do seguimento que está a realizar A Mesa sobre os niveis de cumprimento da norma, que se farán públicos antes de que remate o curso escolar, revelan que a maioría dos centros de ensino cumpren na utilización de libros de texto en galego, naquelas disciplinas en que existen publicacións nesta lingua, porén hai ciclos e etapas en que se carece de material pedagóxico en galego.

Así, o decreto é de imposíbel aplicación neste curso no referido aos libros de texto para a maioría dos ciclos formativos, e a maioría das ensinanzas artísticas, especialmente as musicais. Esta é unha carencia, que, segundo A Mesa, deben suplir con urxencia tanto a Consellaría de Educación como a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Callón criticou que a Consellaría de Educación non puxese aínda en marcha un dispositivo para aplicar o decreto, especialmente a través dun ambicioso plan de formación do profesorado para a capacitación en galego na súa correspondente materia. O presidente da Mesa recordou que meses atrás a asociación xa lle presentou un paquete de medidas á Conselleira neste sentido, entre as que se incluía a formación nas propias facultades e escolas universitarias para que os futuros profesores poidan impartir as súas materias en galego. “Os estudantes de Física, Química, Bioloxía, etc, son os profesores e profesoras de mañá, que terán que ministrar as súas aulas en galego. Cómpre traballar desde xa para que teñan esa capacitación”, sinalou.

O incumprimento máis grave da legalidade dáse na etapa de infantil. Segundo os datos achegados pola Mesa, na maioría dos centros non se respecta o 50 por cento mínimo de ensino en galego. Ademais, detectáronse casos de centros de infantil situados en zonas de maioría galegofalante onde se está a ministrar o ensino nesta etapa minorizando ou excluíndo o uso do galego, a pesar de que esta debería ser a lingua vehicular.

Carlos Callón recordou que o decreto conta cun amplo apoio social, do que deixa constancia o feito de que ao pouco de se aprobar, representantes de toda a comunidade educativa promoveron un manifesto en defensa da súa plena aplicación neste curso escolar. Así, a federación de escolas católicas concertadas (FERE-CECA), a confederación de APAs públicas (CONFAPA), as organizacións estudantís de secundaria (CAE e S.E.), os movementos de renovación pedagóxica (NEG e AS-PG) e os principais sindicatos de ensino (representan o 90% do profesorado, segundo o resultado das eleccións sindicais: CIG, CCOO, UXT, STEG e FSIE) reclamáronlle e reclámanlle á Consellaría de Educación a dotación do profesorado necesario para a aplicación do decreto; plans ambiciosos de formación do profesorado e persoal administrativo e unha actitude próxima e dilixente da inspección de ensino; así como campañas de sensibilización, dirixidas a desterrar os prexuízos existentes sobre a presenza escolar do galego e de información sobre os dereitos lingüísticos no ámbito educativo.

Fonte: A Mesa.

Sem comentários: