sábado, 2 de fevereiro de 2008

[Vieiros] Entrevista com Xosé M. Sarilhe “Ningún partido ten un interese real pola normalización lingüística”

O ex presidente da Mesa presentou esta semana en Compostelo o libro 'A impostura e a desorientación na normalización lingüística'.

Xosé Manuel Sarille (Lugo, 1956) non ten cancelas na lingua. Este xoves presentou na Gentalha do Pichel (Compostela) o seu último libro: 'A impostura e a desorientación na normalización lingüística', publicado por Candeia Editora. Sarille, que presidiu a Mesa pola Normalización entre 1986 e 1997, dedícase agora ao ensino e ás colaboracións xornalísticas en radio e prensa. Como el mesmo di, con certa retranca, “son un pouco marciano e supoño que o que digo non é politicamente correcto”.

Vieiros: O Estatuto de Autonomía trouxo un recoñecemento legal para a lingua. Aínda así, a perda de falantes foi moito máis acelerada precisamente nas últimas dúas décadas...

X.M.Sarille: Hai un recoñecemento ao mesmo tempo que a sociedade galega sofre unha das maiores transformacións da súa historia. Pasamos de ter un 80% de poboación rural a ser unha sociedade eminentemente urbana. Isto prodúcese en pouco máis de 25 anos. Que é o que ocorre? As cidades marcan as grandes dinámicas de castelanización. Outro factor é que dende os anos 80, cando se aproba a Lei de Normalización Lingüística, até a actualidade o país deixa de ser pobre para pasar a ser rico. Podemos ter déficits pero estamos dentro do primeiro mundo. Estamos diante dun proceso difícil. Galiza é un país rico pero con pouca capacidade para funcionar como sociedade complexa.

- Nos últimos anos houbo un relaxamento na militancia lingüística?

Pasaron moitas cousas. Nos anos 80 moviámonos nunha sociedade onde todos os emisores estaban moi próximos e sobre os que podiamos actuar. Hoxe é unha sociedade moito máis virtual e moito máis diluída. A militancia transformouse porque é moito máis difícil obter uns resultados concretos...Aínda que tamén é certo que hai máis relaxamento.

-O decreto de galeguización é suficiente para inverter a precaria situación do idioma no ensino? O bipartito está a variar as vellas inercias?

O programa do bipartito di que hai que ir á plena galeguización. Pero eu non creo que o Goberno teña unha política lingüística. Non hai interese. Tiñamos un proxecto de decreto á catalana e acabamos nun á balear, pensando que aí se ía sumar o PP. Foi unha torpeza política tremenda. Hai que deixarse de trangalladas porque este decreto nin se vai cumprir. Incluso, naquelas circunstancias, creo que o decreto do PP foi moito máis audaz.

O problema é que non hai un interese real de ningún dos partidos pola normalización do idioma. Non quero dicir que, por exemplo, na militancia nacionalista non haxa compromiso o que digo é que o stablishment do BNG non ten ese interese. Aquí aplícase un ritual nos discursos que non corresponde logo coa práctica real.

-As guerras arredor da normativa dificultaron tamén o proceso de normalización...

A guerra de normativas foi un atranco gravísimo para levar adiante a normalización. Son dúas estratexias antitéticas pero semellantes á hora de enfrontarse: uns que ven a aldea como o paraíso lingüístico e outros que ven na literatura medieval a idade de ouro da lingua. Gástase unha enerxía impresionante e, mentres, ninguén se dá conta das transformacións.

-Cal é a pócema máxica para a normalización?

Eu non a sei. O único que fago neste libro é un diagnóstico. O que si digo é que hai catro problemas que é imprescindíbel solventar: Un compromiso real das forzas que din ter unha maior conciencia; ter unha clase política mellor formada; abordar o problema dunha sociedade global; e a necesidade dunha aproximación, xa non digo gramatical, ao portugués. O que non é lóxico é que non haxa, por exemplo, libros en portugués nas bibliotecas galegas

Esta sociedade ten tres partidos políticos que ensaiaron as súas políticas en concellos, deputacións e Xunta. O resultado foi o que foi. Nos concellos galeguízase o papeleo interno, os letreiros...pero a lingua precisa moito máis. Non hai novos ensaios que pretendan ir máis aló.

Sem comentários: