quarta-feira, 13 de fevereiro de 2008

[Diario de Ferrol] Idioma

Xaime Bello

Situémonos no punto de partida. Un dos denominados xuíces estrela da Audiencia Nacional, Grande-Marlaska, dita unha providencia na que cualifica o idioma galego de "dialecto". Deixando á marxe argumentos filolóxicos, a situación semellaba esperpéntica.

Como un xuíz, encargado de velar polo respecto ao ordenamento xurídico e facer cumprir as leis vixentes, podía actuar así? Como se podía conculcar dunha maneira tan groseira a Constitución, o Estatuto de autonomía ou a Lei de normalización lingüística, entre outras? O primeiro que se me veu á cabeza foi a lembranza da canción de María Manuela Idioma meu composta sobre un poema de Manuel María para alleados e colonizados, convertido nun verdadeiro himno de amor á lingua: Idioma meu/ levas sangue do pobo/ e raigañas escuras/ que anuncian un día novo/ sen mágoas nen tristuras./ Idioma proscrito,/ asoballado,/ soterrado,/ refugado,/ negado?

Días despois o xuíz corrixe a providencia xustificando que a cualificación do idioma galego como dialecto se debeu a unha deficiente redacción da persoa que transcribiu a devandita resolución, aínda que el mesmo se responsabilizaba directamente do desacerto que se emendaba. Aceptada a explicación, seguimos cuestionando as razóns que inducen a ese "erro" do escribente. Non será que aínda se manteñen as bases ideolóxico-culturais dun estado que posterga as linguas que non son o castelán?

Sem comentários: