quarta-feira, 6 de fevereiro de 2008

A Mesa reclama que se poidan cursar estudos de Lingua Galega en todas as Escolas Oficiais de Idiomas da Galiza

A oferta de estudos de Lingua Galega limítase nestes momentos ás EOI das sete cidades galegas

A asociación responde así á proposta electoral do PSOE de Andalucía de que se poida estudar galego nas Escolas de Idiomas desa Comunidade Autónoma


A Mesa pola Normalización Lingüística reclamou ao PSOE, e nomeadamente ao PSdG, que desde as institucións que gobernan “dean verdadeiras garantías de estudo do galego” nas Escolas Oficiais de Idiomas da Galiza, “territorio do que é idioma propio segundo a lexislación vixente”, antes de proporen a posibilidade do seu estudo, xunto co éuscaro e co catalán, nas EOI da Comunidade Autónoma de Andalucía, como a forza política á que pertencen Emilio Pérez Touriño e Manuel Chaves propón no seu programa electoral para as eleccións ao Parlamento andaluz do próximo 9 de marzo.

A Mesa recordou que nestes momentos “só é posíbel cursar estudos oficiais de Galego nas Escolas Oficiais de Idiomas das sete cidades galegas”, mais pola contra “non existe tal posibilidade” nas EOI de Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Viveiro e Ribadeo. “Garantir que o estudo do galego sexa posíbel, antes de máis, no propio territorio onde se fala debería constituír para o PSOE unha das súas prioridades políticas”, sinalou a entidade cidadá en defensa do idioma, e “unha vez neses mínimos, o estudo da lingua galega pode estenderse a onde se quixer”.

Fonte: A Mesa.

Sem comentários: