domingo, 3 de fevereiro de 2008

A CTNL solicítalle a Política Lingüística a inmediata convocatoria das axudas para normalización lingüística

Debido a que a día de hoxe aínda non existe o Consorcio de Planificación Lingüística, é necesario que a Xunta de Galicia convoque de inmediato as axudas para a normalización da lingua galega desde as administracións locais.

Ante a escasa incidencia que tiveron estas axudas en anos anteriores, é preciso que se modifiquen os seus obxectivos, o obxecto, as funcións propostas para os servizos de normalización lingüística (SNL) e os criterios de concesión.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) solicitoulle á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que, debido a que en febreiro de 2008 aínda non existe o xa anunciado para 2007 Consorcio de Planificación Lingüística, se convoquen de inmediato as axudas para a normalización da lingua galega desde as administracións locais.

Nun escrito dirixido á secretaria xeral, Marisol López, a CTNL expón que en novembro de 2007 xa elaborou un informe sobre a escasa incidencia que tiveron na creación e consolidación real de SNL as axudas que a Xunta lles concedeu para ese fin ás entidades locais. Dese informe desprendíanse, como principais datos, que dos 41 concellos aos que a Xunta lles concedeu unha subvención en 2007 para a creación dun SNL, só 26 crearon finalmente ese servizo, dos que 19 volveron pechalo despois de 2 ou 3 meses de actividade e só 7 tiñan previsto mantelo activo máis aló de finais de ano.

A CTNL detectou que os motivos desa escasa incidencia das subvencións no incremento e estabilidade de SNL son, principalmente, dous: a tardanza habitual na publicación da convocatoria e o obxecto, os obxectivos, as funcións propostas para os SNL e os criterios de concesión das propias axudas.

Estas subvencións ás entidade locais para a normalización lingüística deberían servir para potenciar a creación de estruturas estábeis de intervención social para o fomento do uso do galego entre o conxunto da cidadanía desde os concellos. Isto é, para a creación e estabilización de servizos de normalización lingüística territoriais dotados de recursos materiais e humanos suficientes e con capacidade de intervención no conxunto da sociedade (mentres non se cree o xa anunciado para 2007 Consorcio de Planificación Lingüística e mentres del non poidan formar parte todos os concellos que libremente queiran adherirse para así ir creando estruturas comarcais de planificación e intervención lingüística que traballen de xeito coordinado).

Anteriormente, en xuño de 2007, a CTNL xa lle enviou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, con copia para a secretaria xeral de Política Lingüística e para a directora xeral de Administración Local, todas as achegas e datos relativos a esta situación, mais, polo momento, non foron tidos en conta.

Fonte: CTNL.

Sem comentários: