sexta-feira, 8 de fevereiro de 2008

[gznacion] "Todas as linguas sustentan en idéntica medida a convivencia", fundamento da Declaración de París

"Todas as linguas sustentan en idéntica medida a convivencia" e "cooperan en harmonía para refugar vellos e insolidarios prexuízos e loitar contra a desigualdade de oportunidades". Así o proclamaron hoxe en París os responsábeis de política lingüística da Xunta de Galiza, Marisol López; do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika; e da Generalitat de Cataluña, Bernat Joan.

En representación dos tres Gobernos, os responsábeis deste área subscribiron hoxe estas palabras no marco de 'Expolangues', que se celebra na capital francesa desde o mércores, e que se plasman en dez puntos recollidos na chamada 'Declaración de París'.

Esta 'Declaración de París' incide no plurilingüismo como "factor dinámico de enriquecemento da convivencia" facilita a comunicación entre os múltiples universos que coexisten nas sociedades modernas. Deste xeito, refírese ás prácticas que tenden a favorecer a implantación do monolingüismo sobre a base do sacrificio das linguas máis débiles como xerme da intolerancia e a exclusión", fenómenos "incompatíbeis coas novas dinámicas sociais da integración e cooperación".

No manifesto ratificado na capital gala, os tres gobernos avogan pola diversidade cultural, intimamente vinculada á diversidade lingüística e "un dos alicerces das sociedades modernas, que constitúen, á súa vez, "un indicador esencial da saúde dos sistemas democráticos".

En palabras da secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta, "pretendemos incidir na idea do fomento da diversidade lingüística e cultural como materia coherente de construír este proxecto común, que é Europa".

Respecto diso, Marisol López mostrouse "de acordo" coas conclusións do grupo de intelectuais a favor do diálogo intercultural, creado a instancias da Comisión Europea, segundo o que "o respecto pola pluralidade lingüística constitúe o fundamento da idea europea".

Así mesmo, a secretaria xeral mostrouse "convencida" de que a través da "unión dos esforzos e a colaboración" gañaranse espazos de uso para as linguas propias e contribuirase a afianzar na sociedade o recoñecemento da diversidade lingüística".

Fonte: gznacion.

Sem comentários: