segunda-feira, 11 de fevereiro de 2008

[O Xornal] Méndez Romeu acusa a un sector da sociedade de "crear conflictos" coa língua

Segundo o conselleiro, dende hai 25 anos, existiu un consenso sobre a necesidade de normalizar o uso da lingua propia sen producir menoscabo da lingua do Estado, que algúns queren por en perigo.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asegura que “hai que evitar que haxa conflitos idiomáticos” e que detrás destes enfrontamentos hai intereses ocultos, o cal é o realmente preocupante. Neste sentido, Méndez Romeu explicou que parece que existe o intento dalgúns sectores que queren transformar os problemas da normalización da lingua en problemas de enfrontamento ou en problemas políticos.

Así, o conselleiro lembrou que en torno a isto hai sempre dous tipos de problemas: considerar que non se debe regular o uso das linguas ou pensar que debe haber unha imposición maximalista ao respecto. Estas posicións rematan –segundo Méndez Romeu- por estar moi vencelladas ao debate político, “sobre todo cando hai presente unha campaña electoral”. En Galicia funcionou ata agora un modelo que permitía que a Administración lle contestase a cada cidadán na lingua que quixese e permitía que a educación fose “equilibrada” nunha e noutra lingua, segundo afirmou o conselleiro. O conselleiro fixo hoxe estas declaracións nunha entrevista a Radio Voz na Coruña.

O conselleiro declarou que se debe insistir en “buscar o diálogo, solucións pactadas e de consenso e partir da evidencia de que na sociedade galega non hai ningún tipo de conflito” e que “quen queren provocalo artificialmente son quen teñen que explicar por que” e “o que se oculta tras eses plantexamentos”. Segundo o conselleiro, dende hai 25 anos, existiu en Galicia un grao importante de consenso sobre a necesidade de normalizar o uso da lingua propia sen producir menoscabo da lingua do Estado. Méndez Romeu sinalou que se están dando tensións novas polo cuestionamento actual e que carece de sentido avanzar sobre a división na forma de expresarse. “Deberíamos tentar consensuar os problemas e respectar as actitudes das persoas”, afirmou Méndez Romeu.

O obxectivo, segundo o titular de Presidencia, é garantir que calquera persoa se poida expresar en calquera das linguas oficiais, que sexa atendida axeitadamente –sobre todo polos organismos públicos- e que non teña ningún tipo de discriminación na súa relación coa Administración ou con outros cidadáns. O conselleiro cre que eses obxectivos están conseguidos a día de hoxe nun nivel maior e con menor conflitividade que en Cataluña, no País Vasco ou noutros territorios de España nos que hai problemas derivados do bilingüismo, segundo dixo.

Fonte: O Xornal.

Sem comentários: