sábado, 29 de dezembro de 2007

[Vieiros] A Garda Civil cita internautas por supostos ataques contra Tan gallego


A asociación denunciou unha suposta acción coordinada contra a súa páxina. Haberá xuízo.

Diversos internautas de todo o país están a ser citados pola Garda Civil para declararen sobre un suposto ataque á web de Tan gallego como el gallego. A asociación a prol da lingua castelá denunciou que un grupo organizado de usuarios, segundo eles, botou abaixo a páxina en que recollían sinaturas contra o decreto do galego.

Segundo unha das persoas citadas, en declaracións a Vieiros, Tan gallego... presentou unha denuncia por eses supostos ataques reiterados contra o sistema de recollida de sinaturas, polo que a Garda Civil recompilou os enderezos IP que, ao seu parecer, participaron no bloqueo informático, e está a chamar ás persoas que localizaron mediante esas pesquisas.

O internauta asegurou non ter constancia de tal acción coordinada, que segundo Tan gallego como el gallego se convocou en foros e por medio de correos electrónicos masivos. Un número indeterminado de persoas están encausadas pola súa presunta participación no ataque, e dáse por seguro que serán citadas nun xuízo contra eles.

A persoa consultada por Vieiros considera “rastreiro” que a asociación recorrese á denuncia por uns feitos que en realidade foron causados por un defecto de programación na súa páxina.

Fonte: Vieiros.

Sem comentários: