domingo, 30 de dezembro de 2007

[Diaro de Ferrol] Os escolares poderán participar nunha nova edición de "En galego, sen filtro"


Os escolares da cidade ferrolá e aqueles pertencentes a colexios que formen parte da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra terán este curso unha nova oportunidade de poñer a proba as súas capacidades artísticas. Poderán facelo a través dunha nova edición, a oitava, do certame "Poesía e Imaxe. En galego, sen filtro", organizado polo Concello de Ferrol e a devandita asociación.

Para participar, os alumnos deberán presentar unha composición plástica de debuxo, pintura, colaxe ou fotografía, a que elixan, que estea inspirada nunha das 14 propostas poéticas da literatura universal escollidas pola entidade organizadora e escritas en difentes linguas -todas elas coa súa tradución ao galego-.

ESTEVO BARROS

O certame estruturarase en diferentes niveis, agrupándose en categorías por grupos de idade (Educación Infantil, 1º a 3º de Primaria, 4º a 6º de Primaria, ESO e Bacharelato e ciclos formativos.

Nunha primeira fase, na que o propio centro realizará actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica, o colexio seleccionará unha única obra por nivel para participar na fase intercentros. Destas, un xurado nomeado polos organizadores seleccionarán un máximo de trinta en función dos criterios de calidade estética, orixinalidade e a interrelación entre a linguaxe poética e plástica. Os traballos presentados entrarán a formar parte, como en cada edición, dunha exposición pública. Cada centro enviará as obras seleccionados na fase inicial antes do vindeiro 13 de febreiro.

Obxectivo > Con esta iniciativa, xa consolidada no calendario escolar da cidade, preténdese contribuir á normalización da lingua galega entre os mozos, animándoos ao mesmo tempo a exhibir as súas cualidades artísticas a través de diferentes artes plásticas.

Fonte: Diario de Ferrol.

Sem comentários: