sexta-feira, 28 de dezembro de 2007

[Galicia Hoxe] Fale vostede


Artigo de opiniom publicado no jornal Galicia Hoxe pola escritora ferrolana Rosa Aneiros, sobre a campanha da Associaçom de Funcionários pola Normalizaçom Lingüística para fomentar o consumo de vinho etiquetado em galego.

Fale vostede
Rosa Aneiros

Fale vostede. Conte a súa última aventura, a súa opinión, a súa discrepancia sobre algún asunto. Estas datas son propicias para a enchente, non só de agasallos e galdrumadas, senón tamén para a enchente de palabras. Deixe que flúan e que dialoguen, nunca que impoñan ou berren. Deixe que saian paseniño, adubadas con risos e termos amables, para que acariñen os oídos e as mentes de quen as recibe. Fale vostede do que lle pete pero nunca esqueza a quen recibe as palabras porque elas fican aí, no aire, nunca se borran. Cando vostede escolla uns viños para acompañar os manxares destas festas, deixe que o viño lle fale en galego. Escolla vostede aquelas adegas que deciden etiquetar os seus produtos na nosa lingua porque nos falan de preto, fálannos de nós.

A campaña da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellaría de Medio Rural lémbranos que o uso da lingua galega na etiquetaxe do viño "reforza a vinculación do produto coa sociedade, a cultura e a terra nas que xorde e esa vinculación das mercadorías galegas con Galicia é un dato avaliado favorablemente, non soamente polos consumidores galegos senón tamén fóra do país". É por iso que, como consumidores, cómpre que apoiemos aqueles viticultores, adegueiros e cooperativas para que os seus caldos falen en galego. Son xa moitos e, se os consumidores os apoiamos, seguro que serán máis. Permita que nestas festas o viño fale na nosa lingua. Pero non lle entregue a súa. Cando vostede conte, ría, bique ou discuta sexa vostede e non o viño quen fale pola súa boca. Porque o resto foxe, pero as palabras e os xestos fican aí, á intemperie da eternidade.

Fonte: Galicia Hoxe.

Sem comentários: