quinta-feira, 27 de dezembro de 2007

[Galicia Hoxe] O galego, traxe vello


Artigo assinado por Navia Franco no jornal Galicia Hoxe.

O feito de que os ex deputados do Parlamento galego se reúnan en asociación e na primeira xuntanza falen en castelán é un exemplo da situación do noso idioma, no que moitos seguen a ver unha lingua de cara á galería.

Se non fora polo bo humor de Pilar García Negro, quen se dirixiu aos seus colegas de asociación para amoestalos en francés por non empregaren o idioma propio de Galicia, a anécdota sería aínda máis tráxica.

Certamente, quen se asome á galería do Pazo do Hórreo oirá unha cousa e quen pida unha infusión na cafetería da Cámara, outra. Á parte dos nacionalistas, algúns do PP e outros poucos do PSOE, a maioría dos parlamentarios desvístese o galego en canto colle o traxe da rúa, comparte un pincho na barra do Parlamento ou vai ao médico. E xa bastante fan, pensarán algúns, con practicaren desde a tribuna pública un idioma que tan alleo lles resulta.

Os amantes da política comparada poden ver a oportunidade de facer un símil con ese modelo para todo que é Cataluña: ¿pasaría alí o que aquí pasou, non sería o catalán a lingua normal de expresión dos seus ex deputados nunha xuntanza de compañeiros? As varas de medir poden ser moitas e as comparacións son... odiosas.

Non nos comparemos, pensemos nestes anos de autonomía; nos debates sobre o autogoberno, de se somos nación, periferia ou botón; se Galicia arde ou a queiman; se a sanidade é boa ou menos mala do que pensamos. ¿Serían estes políticos parlamentarios na Cámara galega se non existise o noso idioma? Serían, posiblemente, tamén deputados, pero quizais nas asembleas de Estremadura ou Murcia.

Non nos preocupemos, non, o idioma vai como vai. Cada vez fálano menos persoas pero, día a día, máis xente se serve del para medrar, na política ou noutros ámbitos. Claro que o traxe galego da súa señoría é de moda pasaxeira, de temporadas de catro anos e, despois, ao armario.

Fonte: Galicia Hoxe.

Sem comentários: