segunda-feira, 31 de dezembro de 2007

[La Voz de Galicia] Os pedagogos piden xoguetes en galego para fomentar o uso da lingua


Os anuncios destes produtos que se emiten nesta lingua na Televisión de Galicia suman xa o 82%. Os expertos insisten en que os nenos teñen a capacidade de falar distintos idiomas nas diferentes situacións.

Cada vez máis xoguetes parlantes ensinan aos máis pequenos as letras, os números e demais conceptos básicos en castelán e diferentes idiomas estranxeiros, pero o galego é o gran ausente. A Asociación de Pedagogos de Galicia reclama a fabricación de xoguetes en galego para facilitar a aprendizaxe e o uso da lingua. O presidente deste colectivo, José Manuel Suárez, sinalou que «os nenos poden falar diferentes idiomas nas distintas situacións da súa vida» e é en idades tempranas cando son capaces de adaptarse e aprender máis facilmente.

Por iso, en opinión deste colectivo, resulta de especial interese aproveitar o recurso do xoguete para a aprendizaxe, en especial no caso dos xogos interactivos que só terían que engadir un idioma máis no seu menú.

Cada vez son máis os anuncios televisivos de xoguetes que se poden escoitar en galego na TVG (un 82% estas Navidades), aínda que no mercado non se atopan no idioma no que se anuncian.

Fonte: La Voz de Galicia.

Libros, puzles, música e cómics, pero pouco máis

Tarefa pouco doada resulta a de atopar no día de hoxe no comercio algún xoguete en galego (no seu contido ou nas súas instrucións). De mañá achégome á rúa Colón de Ourense, a dos artesáns, para tentar localizar un deles. Penso que é un bo lugar. Alí todo se fai con mimo, coas mans, de forma persoal. En A Bufarda, establecemento de xoguetes didácticos e moi atraentes, atopo a Carlos Rodríguez, o seu propietario.

Cóntame que hai uns días tiña uns puzles de pezas en madeira, dirixidos a público menor de 3 anos, que estaban en galego, pero que agora xa non ten. Amablemente revolve na gran cantidade de produtos que vende. «En inglés, en alemán, en portugués, pero nada en galego», vaime contando. Rodríguez di que a cousa é complicada. Que hai poucas empresas que fabriquen xoguetes no idioma e que se ti pola túa conta pides que che fagan por encargo algo especial -coma un calendario- tes que pedir polo menos 400 exemplares. El fala en concreto dunha empresa belga que fai xoguetes en catalán e en euskera. E de repente lembra que hai semanas lle ofreceron vender un libro, cedé e deuvedé sobre cantigas e xogos populares en galego, pero que o pedido aínda non chegara. E iso que hai 15 días e ven dende Vigo.

Salgo da tenda e penso. Paso por decenas de xogueterías e nada de nada. Alguén dinme que seguro que na librería Torga, na rúa da Paz, atopo algo. A librería está especializada no idioma.

Pregunto ao entrar por calquera xoguete galego. A empregada mírame con sorpresa. Enseguida digo: «Un puzle, aínda que sexa». Iso si. Pero poucos. A empregada ensíname os tres modelos. Os números, as vocais e as horas do día. E de repente lembra un gran parchís ortográfico de Xerais. Isto é todo. Ademais da gran variedades de libros, cómics e música en galego da librería. «¿Non haberá algo que soe, que se escoite?», pregunto. A empregada de Torga me conta o caso dun osiño que fala en castelán e en portugués. «Nós o poñemos en portugués, pero non é o mesmo», puntualiza.

E ao final marcho cun puzle. E penso que seguramente este non será o regalo perfecto para o meu sobriño. Penso que seguramente lle gustará mais o coche de Cars que fala castelán ou o ordenador de Mickey que lle ensina a falar inglés. Seguramente o puzle lle parecerá ben, pero non será o mesmo.

Hai meses os pedagogos galegos pedían aos empresarios de xoguetes que confeccionaran bonecas e outro tipo de xoguetes en galego. Ao parecer o caso que lle fixeron foi pouco e a cousa vai, máis ou menos, coma sempre.

Fonte: La Voz de Galicia.

Sem comentários: