sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

O Consorcio de Planificación Lingüística sentará as bases para a coordinación dos servizos municipais de normalización


· Marisol López explicou que esta nova estrutura estará creada antes de finais de ano para incrementar o uso do galego na Administración local
· Formarán parte do Consorcio os concellos, as deputacións e a Fegamp
· A secretaria xeral deu conta tamén, no Parlamento de Galicia, das accións xa desenvolvidas en virtude do Protocolo de colaboración asinado cos gobernos catalán e vasco

Santiago, 31 de maio de 2007.- A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, anunciou no Parlamento de Galicia que o vindeiro mes de decembro quedará constituído formalmente o Consorcio de Planificación Lingüística. Nunha resposta oral, ante a Comisión Primeira da Cámara galega, a responsable de Política Lingüística apuntou á figura do Consorcio como o ente máis axeitado para conseguir que o galego sexa a lingua habitual nas relacións internas da Administración, na comunicación interadministrativa e na relación entre Administración e cidadáns.

“Os concellos e as deputacións están obrigados por lei a facer en galego todos os actos que se poidan derivar da súa actuación administrativa, xa que o uso do galego na Administración local ten carácter imperativo”, explicou Marisol López. Con todo, apuntou que “existen organismos que aínda non o cumpren” e dixo que “desde Política Lingüística se están a poñer unhas bases sólidas para que a lexislación de aplicación nas entidades locais sexa cumprida, dunha vez por todas e nun prazo de tempo bastante próximo”.

Proceso de coordinación
Desde hai máis dun ano, a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa no proxecto de creación do Consorcio de Planificación Lingüística, que ten como principal obxectivo establecer un amplo proceso de coordinación entre os diferentes servizos lingüísticos, que integre as deputacións, os concellos e a Federación Galega de Municipios e Provincias, entre outras entidades. “Neste ámbito inscríbese un obxectivo primordial para a Secretaría, que é o impulso institucional do uso, o coñecemento e a divulgación da lingua galega, co fin de acadar para este máis presenza na nosa comunidade e máis espazos de uso nos diferentes sectores sociais”, apuntou Marisol López.

Por outra parte, Política Lingüística mantén unha liña de axudas ás entidades locais para a súa galeguización. A través dun convenio subscrito coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Secretaría Xeral destinou este ano 640.030 euros a sufragar tanto a contratación de persoal nas entidades locais para a creación, mantemento ou fortalecemento das oficinas e servizos de normalización lingüística, como a posta en marcha de proxectos de dinamización.

Protocolo cos gobernos catalán e vasco
Marisol López tamén deu conta ante a Comisión Primeira da fundamentación e actuacións previstas no Protocolo de colaboración que os gobernos galego, catalán e vasco asinaron o 16 de marzo en materia de Política Lingüística. A secretaria xeral cualificou de “histórico” este acordo, ao ser a primeira vez que as tres comunidades con lingua propia formalizan un proxecto común de colaboración para intercambiar e contrastar experiencias e para impulsar actuacións en beneficio dunha maior igualdade social entre as linguas.

O traballo en común da Xunta de Galicia coa Generalitat de Cataluña e co Goberno Vasco xa se iniciou, ao consensuar o informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ademais, neste mesmo mes o protocolo foilles presentado aos parlamentarios do Congreso dos Deputados e celebrouse unha xuntanza con responsables do Ministerio de Administracións Públicas. “Houbo un compromiso de colaboración para iniciar o deseño de accións conxuntas que favorezan o avance no uso das distintas linguas oficiais no ámbito da Administración do Estado”, explicou Marisol López, que engadiu que en breve haberá un programa de traballo conxunto co Ministerio.

Fonte: Junta da Galiza

Sem comentários: