segunda-feira, 31 de dezembro de 2007

Conselharia da Educaçom publica 'A Planificación Lingüística nos Centros Educativos'


A Conselharia da Educaçom da Junta da Galiza acabou de publicar o volume 'A Planificación Lingüística nos Centros Educativos', dirigido à comunidade educativa e da autoria de Agustín Fernández Paz, Anxo M. Lorenzo Suárez e Fernando Ramallo. A seguir reproduzimos a introduçom, em que os autores explicam os objectivos e estrutura da obra, que já está disponível para a livre descarga em PDF na nossa secçom de Documentaçom e também aqui mesmo.

O PRESENTE traballo, A planificación lingüística nos centros educativos, nace co obxectivo de fornecer materiais útiles para a planificación lingüística nos centros de ensino non universitario de Galicia e de divulgalos entre as persoas encargadas de levala á práctica. Trátase dun material de referencia que se complementa con outro máis sintético e orientado á práctica, titulado Guía práctica para a planificación lingüística nos centros educativos.

Cómpre sinalar, aínda que sexa brevemente, o contido e as intencións das dúas obras. Por unha banda, os contidos de ambos traballos están estreitamente relacionados e oriéntanse aos mesmos destinatarios/as. Pero, por outra banda, as intencións son diferentes: mentres que a Guía práctica... xorde como un produto pensado para a aplicación das propostas da planificación lingüística educativa, esta obra ten un propósito máis amplo: ademais de recoller e ampliar esas orientacións prácticas, queremos que sirva como obra de referencia para clarexar conceptos, establecer tipoloxías e consultar material complementario.

Para facer realidade unha planificación lingüística coherente e eficaz nos centros educativos de ensino non universitario é imprescindible contar con materiais prácticos e de referencia dirixidos a todos os axentes que estean directa ou indirectamente involucrados neses procesos sociolingüísticos. Tendo en conta o modelo lingüístico educativo aplicado en Galicia, a responsabilidade de implementar esta planificación lingüística correspóndelle a todos os actores relacionados co sistema educativo, principalmente os centros escolares.

Cando elaboramos estes materiais tivemos sempre presentes os seus destinatatarios, principalmente o profesorado e todos aqueles axentes que participan directamente no sistema educativo.

Dun xeito especial, dirixímonos ao equipos directivos dos centros e aos membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística, xa que ambos os dous desempeñan un papel central no proceso de planificación lingüística.

O noso propósito é darlles pautas, recursos e estratexias útiles para a planificación e para a dinamización da lingua galega.

As propostas para a planificación lingüística educativa que presentamos aquí desenvólvense de acordo cos obxectivos lingüísticos da Lei de normalización lingüística de 1993, cos contidos do Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004, e co estipulado no Decreto 124/2007 que regula a presenza do galego no ensino non universitario. Trátase da primeira vez que a Administración da Xunta de Galicia decide levar a cabo un intento serio e masivo de divulgar tales materiais con esa finalidade.

Anteriormente só houbo experiencias parciais que careceron da ambición e da continuidade que a realidade sociolingüística demanda.

Este traballo consta de seis unidades e unha sección de anexos, que pasamos a describir brevemente.

A unidade 1 ten como finalidade a presentación dun conxunto de aspectos teóricos, prácticos e aplicados da sociolingüística e da política lingüística que axuden a entender o contexto dos procesos de planificación.

A unidade 2 confórmase coa presentación de diversos conceptos básicos que establecen a relación entre linguas e educación. Esta unidade facilita o achegamento ás diferentes formas
de entender e de levar á práctica os modelos educativos bilingües.
A unidade 3 desenvolve unha breve caracterización dos principais indicadores da situación sociolingüística actual de Galicia, a partir dos diversos traballos de investigación elaborados nos últimos anos.

A unidade 4 ten como obxectivo mostrar as características do modelo galego de ensino bilingüe tal como foi aplicado desde os anos oitenta, así como algúns dos seus resultados. Ademais, mostramos algunhas das principais actitudes e prexuízos tanto sobre o bilingüismo escolar coma sobre a presenza do galego no ensino.

A unidade 5 céntrase en ofrecer unha revisión pormenorizada dos elementos que debemos ter en conta para levar a cabo liñas de actuación dirixidas a potenciar os usos lingüísticos e a mellorar a consideración social da lingua galega. Nesta unidade descríbense con detalle os dous documentos centrais da planificación lingüística educativa: a Planificación sociolingüística de centro (PSC) e o Proxecto lingüístico de centro (PLC). Tamén se realiza unha descrición do traballo dos equipos de normalización e dinamización lingüística.

A unidade 6 organízase en tres partes: a determinación da situación sociolingüística dun centro determinado, as propostas de planificación lingüística nas diferentes etapas educativas en función do tipo de centro en que se impartan, e as liñas principais para facer efectiva a dinamización lingüística.

Finalmente, completamos o traballo cuns anexos prácticos que complementan algúns dos aspectos que se describen nos capítulos precedentes:

un glosario de conceptos empregados, un compendio de gráficos cos datos sociolingüísticos actualizados, o texto do Decreto 124/2007 que regula o uso do galego no ensino, un exemplo práctico para a análise sociolingüística do contorno, diferentes modelos de cuestionarios para a análise sociolingüística e unha selección de referencias (electrónicas, bibliográficas, etc.) de utilidade para os labores de planificación lingüística.

Parécenos necesario lembrar que elaboramos este traballo cunha orientación divulgativa, o que nos levou a formulalo cos mínimos tecnicismos precisos, fuxindo de complexidades que non teñen cabida nun material deste tipo.

Aínda así, ten a suficiente densidade como para esixir unha lectura demorada, nin superficial nin fragmentaria, pois o que cobra relevancia é o conxunto, non as partes. Como a realidade dos centros educativos é máis complexa que esta nosa proposta, animamos a todas as persoas interesadas para que analicen e apliquen as recomendacións que aquí formulamos dun xeito crítico e creativo, axeitándose ás características de cada centro educativo en particular e tendo en conta o marco normativo galego.


Sem comentários: