quinta-feira, 27 de dezembro de 2007

[Galicia Hoxe] Un valor lingüístico


O actor de dobraxe Luís Iglesia reivindica a función normalizadora e normativizadora do galego que ten a súa profesión

ANXA CORREA . SANTIAGO

Escoitando a Luís Iglesia, un ten a sensación de estar a falar con Robert de Niro, Harrison Ford, Mel Gibson ou Paul Newman, iso si, na súa versión galega. Ao de Riotorto (Lugo) non lle faltan destrezas interpretativas para facer mesmo de Gardfield ou da rá Gustavo. Estes días imparte un curso de dobraxe organizado polo Consorcio Audiovisual, Aisge, e a Facultade de Ciencias da Comunicación, onde intenta transmitir dende os seus máis de vinte anos de experiencia que a dobraxe "é máis un método de análise" que ten que ser fiel ao orixinal.

¿Que é o que atrae a un actor a traballar á sombra de dobraxe?

É unha faceta máis dentro do mundo actoral. O da dobraxe é o traballo con menos visibilidade pero é unha responsabilidade que temos que asumir. Durante moitos anos o noso traballo minusvalorouse, e creo que foi responsabilidade nosa. Pero houbo inmensos actores e actrices dentro do Estado español, e non digamos en Galicia, que viviron e respectaron o mundo da dobraxe. Creo que é unha escola impresionante, non só na voz, senón tamén na análise xestual.

¿Como aprendeu vostede?

Traballaba en grupos de teatro Amador, pero había poucos... Era complicado. Pero un profesor meu, Manuel Matalobos, soubo dunhas probas de selección que había aquí en Santiago para actores de dobraxe, presenteime e quedei. Foi un curso dos máis extensos que houbo nunca en Galicia e dos mellor estruturados.

¿Cales foron as experiencias que máis lle axudaron para desenvolver a súa profesión?

Pois fixarme moito nos compañeiros. Todos sabiamos pouco cando empezamos, e non o faciamos demasiado ben, cometiamos moitos erros, estabamos inventando a dobraxe en galego. Non había tradición, non había un galego normativo, aínda hoxe estamos construíndo un galego estandarizado. Os nosos mestres eran de Madrid e Barcelona. Pero aprendemos moi rápido, e chegamos a facelo francamente ben.

Un dos maiores problemas da súa profesión sería atopar unha linguaxe fresca en galego...

Por riba das eivas que pode ter calquera país que empece a dobrar, e que xa a propia profesión ten problemas intrínsecos, hai que ter un corpus de tradutores no que se chama tradución total, e aquí non o había. Ademais, temos un problema sociolingüístico, aínda hoxe en día, da imaxe que temos do galego como idioma. Montáronse as empresas de dobraxe ou se potenciaron na Coruña, Santiago e Vigo. A Coruña ou Vigo non se caracterizan porque a maioría da súa poboación utilice o galego como lingua habitual. ¿De aí queremos quitar unha canteira de actores galegos? Serán actores galegos: galegofalantes, dubídoo moito.

E hoxe, ¿cales seguen sendo os defectos da dobraxe en galego?

Na dobraxe temos moito camiño andado e aínda nos queda moito. Melloramos moito en cuestións fonéticas, pero en prosodia, queda moito camiño por andar. E non vexo moita ocupación dos medios públicos co tema do galego. Mentres non haxa unha política lingüística seria, a ver que pasa coa lingua, porque é o galego que están aprendendo os nosos rapaces, é o galego que temos a obriga de devolverlles aos nosos maiores, e que moitas veces non recoñecen. E non é por un problema de que digas "fiestra" no canto de "ventá", senón que moitas veces é un problema de fonética e prosodia. E por ese problema sociolingüístico pensan que o galego da tele é o bo, cando normalmente deixa moito que desexar.

¿Pasoulle algunha vez que o identificaran con algún dos actores que dobra?

Si. Impresionoume moitísimo unha vez que na peaxe da autopista: baixei a ventá e dixen "bos días". Había unha rapaza na cabina e díxome: "Mel Gibson".

Hai ferventes defensores da versión orixinal, ¿cre que a dobraxe é unha profesión en perigo de extinción?

A min gústanme moito as versións orixinais. Creo tamén que hai certa sacralización do orixinal, sobre todo no cine que se fai hoxe en día. Cando Lars von Trier inventou o Dogma foi denunciando un pouco que hoxe o cine é unha gran mentira, porque o traballo final dos actores é algo que hoxe está moi manipulado. E a dobraxe é unha parte disto. Non sei se será moi doado implantala, sobre todo no Estado español, onde levamos 70 e pico anos de dobraxe e hai un descoñecemento profundo dos idiomas estranxeiros. Estaría ben, pero entre versión dobrada e versión subtitulada, prefiro unha boa dobraxe. En galego, creo que ademais é case obrigatorio dobrar porque non tes só o problema da tradición, como no castelán, senón que ademais é o elemento normalizador e normativizador máis importante. O gran banco de probas do galego é a dobraxe.

Fonte: Galicia Hoxe.

Sem comentários: