segunda-feira, 24 de dezembro de 2007

[Diario de Ferrol] Outra vez na mesma pedra


Henrique da Costa (escritor)

Perplexidade, cando non asombro. De tal xeito ficamos o domingo 2 de decembro lendo o artigo de Fernando Álvarez nas páxinas do Nordesía. E sen nada que lle reprochar canto ao apartado das formas, non opinamos o mesmo a respecto do seu fondo.

Neste país acomplexado en que vivimos, e enténdasenos que nos estamos a referir a Galiza, todos os pasos formais e legais dados a respecto dos dereitos lingüísticos distan moito de ir á par dos logros prácticos para a consecución dunha normalidade para a lingua máis desfavorecida, que non é outra que a galega. E véxase que estamos a falar de normalidade, isto é, de paridade a respecto daqueloutra que si exerce un dominio real, non virtual nin ficticio. Paridade logo ou, o que é o mesmo, estar cando menos ao mesmo nivel que a lingua prestixiada, privilexiada.

Non queremos apelar á nosa condición de docentes, pois é unha obviedade verificar a maneira en que a lingua autóctona recúa veloz en beneficio da implantada extraterritorialmente, xa que os números cantan. Nos últimos anos as alarmas están saltadas permanentemente.

Mais é que socialmente, na rúa, e xa non digamos na ínfima, ridícula e penosa presenza do galego nos medios de comunicación (cantos xornais diarios, díganme, hai en galego, cantas emisoras de radio, cantas televisións?), non resulta difícil comprobalo a non ser que sexamos cegos e xordos.

Seguimos observando pautas de comportamento (prexuizosas) a respecto do galego (xamais, paradoxalmente, a respecto do español) a case trinta anos de ser aprobada a Carta Magna, vinte e sete do Estatuto de Autonomía, vinte e cinco da Lei de Normalización Lingüística, etc. E até pensarán algúns que exaxeramos, que son teimas, falsidades dos arroutados de sempre. Fágase o esforzo, pois dificilmente caerán na conta se non se fai deste modo, e tenten os escépticos exercer o dereito democrático do monolingüismo, en galego por suposto, durante un período, digamos, dun mes, e sen baixar a garda en ningún instante. Ténteno e logo falamos. Para comezar, os máis pequechos (aínda os escolarizados) e non tan pequechos, e caso de que lles falemos en galego, tomaranos como moito como debuxos saídos do Xabarín Club; reprimidos por un “No me hables en gallego” ou, no seu defecto, inquiridos por un espontáneo e inxenuo “Y tú, ¿por qué hablas en gallego?”, no mellor dos casos.

Nin digamos con respecto dos adultos, sempre que houber prexuízo, claro está, pois a incidencia pode tocar varios planos: a do perdoavidas comprensivo e tolerante connosco, a do intolerante que nos ve como maleducados extremistas, a do que nos quere educar razoándonos a respecto do próximo e dos de fóra, etc. Tan pouco é o que temos andado.

Entristéceme ver o pouco que coñece o señor Fernando Álvarez acerca da nosa realidade. O paternalismo que se arroga é filosofía caduca concibida máis no sentimentalismo que no cientificismo. Porque as linguas, meu señor, non son mellores nin peores, mesmo que sexan as oficiais dun estado ou porque teñan un maior número de falantes. E é que a maior fortuna dunhas ou doutras ten que ver con razóns de supremacía colonial.

Verbi gratia, a do inglés actual por causa da primeira potencia mundial ser os EE.UU de América do Norte (ou como a do latín na época imperial romana). A fortuna do castelán ao ámbito hispano é proporcional á daquel mundialmente, e máis alá aínda. E a do portugués?

A diáspora de que fala no artigo o señor Fernando Álvarez pode ser fonte de moitas saudades, mais tamén de moitas máis frustracións. A lente de ollar a distancia pode chegar a distorsionar e até facer ver grotesco aquilo que pinta inxenuo. Outros desde a distancia, porén, teñen feito enormes edificios polo noso orgullo. Pénsese no ferrolán Fontenla Leal e tantos outros que traballaron por construír os máis firmes signos de identidade de noso (bandeira, himno, RAG) desde América.

Liga o señor Álvarez un erro monumental acerca da existencia de linguas inferiores que condenan o home á ausencia de prosperidade económica, avocándoo á pobreza. Se os homes galegos emigraron secularmente (aínda emigran) isto non é por causa de eles falaren unha ou outra lingua, senón pola situación económica desvantaxosa do seu país.

Persoas bilingües (mesmo monolingües de ben como extremeños, andaluces e casteláns) teñen emigrado, en maior ou menor medida, a territorios máis ricos de España e, mesmo!, do estranxeiro. É tal a torpeza do emigrante galego que até fala o alemán, o inglés, o francés e mesmo o neerlandés!, por citar algunhas das linguas dos países en que traballan. Pobres estados suízo e belga, cuatrilingüe o primeiro, trilingüe o segundo, e cada territorio impermeábel practicamente á coexistencia de dúas das linguas (todas catro e tres respectivamente consagradas polas súas constitucións).
E, iso si!, con enormes problemas económicos atribuíbeis a tanta esquizofrenia lingüística como eles teñen.

O prestixioso infome PISA sobre a calidade da aprendizaxe no ensino en 57 estados avala que Galiza ten un coñecemento científico superior á media xeral dos países da OCDE e á media española en particular. No coñecemento matemático e na comprensión lectora non alcanza a media da OCDE, da que tampouco sae mal parada, pero, aínda así, está moi por riba da media española. Cousa curiosa aínda: as comunidades bilingües españolas (e as restantes do norte) saen infinitamente mellor paradas que as centromeridionais.

Polo que parece, non debemos de ser tan torpes, polo menos os galegos, os vascos e os cataláns. Euscadi e Cataluña, todo sexa dito de paso, coñécese sobradamente que se trata de paupérrimas comunidades españolas ofuscadas pola súa nefasta comunicación lingüística co exterior (non español) e co interior tamén, non é? Non señor, non. É moi emotivo o seu abnegado esforzo para co pobre rapaz vasco que non sabía falar español e ao cal axudou en tempos de servizo militar. Por certo, talvez lle preguntou vostede se el foi libre de escoller para querer estar aquí logo de ser levado do seu casarío de Rekalde? Preguntoulle se era feliz coa encomenda patria que logo aquí tiña?

Doutra parte, é estraño ese seu don da ubicuidade, señor Álvarez, podendo ter visto por tantos lugares de España paisanos nosos arribando desvalidos e apesadumados por causa de non saber a lingua cervantina, rompe realmente a alma. Mais non a rompe polo feito de que eles torpemente se puidesen expresar en español (xa vimos que os nosos até son quen de falar o neerlandés!), senón porque á secular pobreza a que nos conduciron os foros de antano, e que motivaran unha masiva emigración, véuselle sumar posteriormente unha inapropiada distribución de terras para o campo poder ser rendíbel, e non falemos xa da ínfima industrialización de Galiza. Penosa si é, en fin, a estreitura de miras a respecto da realidade que se observa. Outra vez na mesma pedra, só nos resta por dicir, e xa van unha chea delas, alén da fartura e do cansazo con que chegamos outra volta por ter que dar resposta a cuestións que quixeramos xulgar superadas hai un bon lote de anos.

Fonte: Diario de Ferrol (Nordesia, 23/12/07)

Sem comentários: