terça-feira, 8 de julho de 2008

[La Opinión de A Coruña] En defensa de la lengua castellana

ANTÓN BAAMONDE Os autores do Manifiesto en defensa de la lengua castellana, así como en Galicia os integrantes das plataformas Tan gallego como el gallego e Galicia bilingüe incorren en flagrante contradición. Afirman defender os dereitos dos falantes pero propoñen crear unha norma xurídica que lle outorgue a supremacía ao castelán.

Se, en efecto, non se tratase dun conflito entre diferentes formas de entender España e, en última instancia, entre diferentes lexitimidades nacionais -e hai que lembrar que a Constitución e os estatutos foron aprobados, entre outras cousas, para modular e disolver ese conflito- o natural sería que postulasen unha modificación constitucional para eliminar a referencia ao dereito e ao deber de coñecer o castelán.

Se así o propuxeran, sería coherente a súa crítica das leis de normalización lingüística aprobadas nas comunidades con idiomas cooficiais. En consecuencia, tanto no sistema escolar como na administración, todos os idiomas serían optativos: dependerían do comercio entre as persoas e non terían aquel carácter obrigatorio e coactivo que distingue a unha lei. A idea non sei se sería factible ou sinxela na súa aplicación -permitiría, por exemplo, escolarizar en inglés, ou en árabe aos nenos inmigrantes que así o desexaran- pero, dende logo, constituiría un modo de respectar a vontade dos individuos -aínda que poderían darse outras ambigüidades: que a vontade de pais e fillos non coincidira, como cando algunhas rapazas son obrigadas a levar chador-. Un pode especular con que unha situación así posiblemente deixaría ao galego máis débil do que xa o está en Galicia pero que tal vez, en determinadas zonas de Cataluña e as Illas, operase en contra do castelán.

Non parece que este sexa o debate, no entanto. O manifiesto expresa máis ben un síndrome, un sentimento melancólico, de perda, que Juaristi lle atribuíu nun célebre libro aos nacionalistas periféricos pero que aquí retorna envolto no estilo batallador e tronante de Fernando Savater. É un estado de opinión que hai que ter en conta, sen embargo. O PP expresou ese malestar nacionalista no pasado. Cabe que o manifesto encerre a pretensión, por parte de UpyD de facerse con ese electorado españolista e non falta quen lle atribúe a El Mundo a tentativa de articular una nova forza á dereita de Mariano, sumando a Aguirre e a Rosa Díez, agora que Rajoy deserta da santa intransixencia.

Sem comentários: