terça-feira, 8 de julho de 2008

[Galicia Hoxe] Política Lingüística nega que Galicia Bilingüe entregase 700 queixas

Na presentación do Premio Ramón Piñeiro, Marisol López felicitou a RAG por elixir o galeguista

REDACCIÓN . SANTIAGO

Fontes da Secretaría xeral de Política Lingüística negaron onte que Galicia Bilingüe entregase no departamento "700 casos de discriminación lingüística". Marisol López reuniuse onte coa presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, que lle presentou "dous folios coas súas consideracións e peticións" suficientes para decatarse de que se tratan de perspectivas "radicalmente diferentes". Se ben nunha nota difundida por Galicia Bilingüe estiman que Marisol López "defendeu a imposición lingüística no ensino, negando a liberdade de elección da lingua vehicular que existe en todos os países democráticos con máis dun idioma oficial", dende o gabinete de Política Lingüística explican que "o modelo lingüístico, no que se refire á lingua, pretende que os rapaces teñan plena competencia nas dúas linguas, para que así teñan liberdade de elección".

Por outra parte, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades felicitáronse onte da decisión adoptada pola RAG de dedicarlle o día das Letras Galegas do 2009 a Ramón Piñeiro López.

Fixérono no marco da presentación da oitava edición do Premio de Ensario Ramón Piñeiro, que convoca o Centro que leva o nome do galeguista, en colaboración con Unión Fenosa. O prazo para a recepción de orixinais permanecerá aberto ata o 10 de novembro deste ano e a resolución do xurado darase a coñecer en decembro.

O galardón está dotado cun único premio de 6.000 euros. A maiores, a editorial Galaxia publicará e comercializará a obra gañadora dentro da súa colección Ensaio. Os traballos que se presenten deberán ser inéditos e estar escritos en lingua galega. Ademais, a extensión dos textos deberá abranguer entre 200.000 e 300.000 caracteres. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, expresou a súa satisfacción pola homenaxe a Ramón Piñeiro que ao longo do vindeiro ano se lle vai tributar a Ramón Piñeiro, ao que definiu como "unha referencia imprescindible para entender a cultura galega e o galeguismo".

Asemade, quixo poñer de manifesto "o importante papel que Ramón Piñeiro xogou na posta en marcha e no desenvolvemento de proxectos cruciais para a nosa cultura, como a editorial Galaxia, que contribuíu á difusión e publicación de centos de libros en galego."
DATOS

Medalla de Ouro a Galaxia

Marisol López lembrou que o Consello da Xunta acaba de conceder hai uns días a Medalla de Ouro a Galaxia e destacou que Ramón Piñeiro "fixo posible o nacemento de emblemáticas institucións como o Consello da Cultura Galega".

Sem comentários: