terça-feira, 8 de julho de 2008

O BNG pide que se revise a toponimia galega nas webs do Goberno


Jorquera tamén denuncia que hai páxinas de Ministerios que non teñen activada a versión en galego.

XORNAL.COM I Madrid.- O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que reclama ao Goberno que active a versión en galego en diferentes páxinas web de Ministerios e corrixa as deformacións da toponimia galega que aparecen nalgúns portais da Administración central do Estado.

En concreto, Jorquera alude á web da Seguridade Social que na súa portada dispón de fiestras de acceso ás diferentes linguas cooficiais pero só está activa para a portada, nada máis. “Se un usuario galego accede á pestana de lingua galega só aparece en galego a portada porque se quer entrar en cada unhas das opcións, trámites ou direccións, aparece un aviso de que a páxina non está activada no idioma elexido, co cal non ten outro remedio que efectuar a consulta en español”.

# Normalizar a situación lingüística na Administración estatal en internet

Tamén pón de manifesto a ausencia da versión en lingua galega en distintos portais dependentes do Ministerio de Interior como o da policía, da garda civil, do DNI electrónico ou da cita previa para tramitar o DNI electrónico. “Unha situación lingüística que a estas alturas debería estar normalizada”.

Outra cuestión que pón de relevancia é a vulneración da toponimia oficial galega como no portal da Seguridade Social onde se utiliza “Orense” en lugar de Ourense, “Villalba” en lugar de Vilalba, ou “El Sagueiral” en lugar de “O Sagueiral”.

De igual xeito, tamén na web da cita previa para tramitar o DNI electrónico se incurre no uso deformado da toponimia galega: “La Coruña” por A Coruña, “El Ferrol” en vez de Ferrol, e “Villagarcía de Arosa” en lugar de Vilagarcía de Arousa.

# Remitir a listaxe da toponimia oficial galega aos Ministerios

“Cando poderán os usuarios de Galiza realizar os seus trámites por internet e acceder ás informacións en lingua galega”, pregunta o deputado do BNG.

O parlamentar nacionalista advirte ao Goberno da “reiteración constante desta situación de vulneración lingüística por parte da Administración central do Estado, que determinación ten o Goberno para rematar definitivamente co uso incorrecto a toponimia oficial de Galiza, non sería pertinente que remitise a cada departamento a listaxe da toponimia oficial galega”.

Fonte: Xornal.

Sem comentários: