quarta-feira, 9 de julho de 2008

[Galicia Hoxe] 'Manifiesto por la lengua común?'

MANUEL VIDAL VILLAVERDE

O chamado Manifiesto por la lengua común asinado por supostos intelectuais -novelistas, ensaístas, poetas- e mesmo algún deportista de certa ou relativa sona, naturalmente españois, no que se incluíu algún galego que nin sequera paga a pena mentar aquí, é algo máis que un manifiesto.

Trátase dun panfleto inspirado e auspiciado polo trasnoitado imperialismo español inspirado politicamente pola nacionalista española Rosa Díez, a quen non teño o gusto, nin falla que me fai, de coñecer nin de recoñecer como intelectual, nin como nada de nada, así é que, e polo que se desprende da lectura de semellante e esperpéntico despropósito, como di o meu colega e amigo Miguel Anxo Fernán-Vello, "latexa unha clara intención etnocida", ao que eu engadiría, que nin a "españolísima", nin moitos dos asinantes e asinantas "españoles todos", como tantas veces repetía o xeneral Franco alá onde estivese, que tanto lle tiña Cataluña, Euscadi ou Galicia, pois, nin sequera eles/elas leron a Constitución española, tan contraditoria en conxunto e en si, onde se mal non recordo se fala do fomento e respecto "polas outras linguas" distintas ao castelán (español), claro ho!, que foi o que foi -segundo a nesgada interpretación nacional-española, do chamado Código Emilianiense -un miniopúsculo e non outra cousa-, en éucaro, aragonés (exterminado) e dúas cousiñas do castelán, para teorematizar ou sofisticar no propio sentido e boa interpretación do vocábulo unha das grandes mentiras da "escola filolóxica española", cos mil anos do nacemento do español; entre os presentes en semellante e estarrecedor acto, de El-Rei de España para arriba e para baixo, só se botou en falla o propio e imposíbel san Millán, para dar fe celeste ou celestial de semellante invento, pois non faltou alí un destacado membro da RAE. Item máis: din que Mio Cid (s. XII) é o primeiro texto literario en lingua castelán, para séculos máis tarde enarborar o español co desenganado e maltratado Cervantes Saavedra (lingua cervantina), aínda que non sexa realmente o mellor castelán-español, senón un estereotipo-imperial da Castela imposta pola armas e perversas conspiracións; pois a auténtica, a outra, como ben nos informaba Castelao, "foi asasinada en Villalar de los Comuneros"; o que son as cousas, meu deus!

Así e non doutra maneira, por máis que pseudoargumente a intelectualidade nacionalista española, a verdade e a mentira do español como "lingua común", aínda que se fale e escriba en moitas das outras nacionalidades adheridas á forza ao Estado español, non quere dicir que de natural Galicia, Euscadi e Cataluña sexan bilingües, e moito menos arrolarse na falacia do chamado -ignorantemente- "bilingüismo harmónico", pretensión máis absurda que adversa -aquí- de determinadas greas constituídas en organizacións que pretenden demostrar o indemostrábel, é dicir, que tamén o español é lingua natural de noso, e polo tanto revólvense con máis que excesivo "ardor guerrero" a esixir a liberdade -xa non de expresión, que ninguén lla nega-, senón que o bipartito derrogue os seus decretos a propósito do ensino, e recorren a liberdade dos pais para educaren os seus fillos na lingua que lles pete ­ -naturalmente o español-, argüíndo estrañas e hipotéticas liberdades individuais, de maneira, que se así fose, a Xunta vulneraría as súas propias disposicións, e a maior engadido, ningún dereito individual -que si existe- pode substraer e mesmo eliminar o dereito/dereitos colectivos.

O idioma que está en perigo, que está en desigualdade na Nación galega non é outro que o que lle é natural e propio: o galego. Calquera persoa que non sexa cega ou xorda de comenencia -colonizados e colonizadores- soamente ten que lle botar unha ollada ao panorama que presenta calquera medio de comunicación, mutatis mutandis, pois a gran maioría dos medios que digo preséntase nun menos sutil colonianismo lingüístico. Cal é entón a persecución do castelán? En fin, que como di o proverbio ou refrán, "non hai peor cego que o que non quere ver". Outra vez máis, o que pretenden estas señoras e señores é xa non só perpetuar a diglosia, senón sinxela e perversamente a extinción do galego aquí en Galicia, así de claro e para os seus adentros exclamar "Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino". ¡¡¡Arriba España!!!".

Fonte: Galicia Hoxe.

Sem comentários: