quinta-feira, 16 de outubro de 2008

[ANT] Unha campaña 'ao máis puro estilo batasuno'

As reaccións ante a campaña 'Chámate con xeito', que vén de lanzar a Universidade de Vigo, non se fixeron agardar. 'Libertad Digital' refírese a este proxecto como 'un planfletillo que non é máis que un compendio das teorías máis casposas, etnicistas e reaccionarias do nacionalismo galego'.

Un dos artigos que publica a páxina web Libertad Digital, titulado 'La Universidad de Vigo financia un panfleto que amenza a los que no hablan gallego', refírese á Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, como un ente que impón o galego “por medio de coacción legal e moitas veces ilegal”. Tamén fala das siluetas que aparecen no cartel como “a iconografía das obsesións da esquerda nacionalista totalitaria galega”, que segundo apunta, se sinala “ao máis estilo batasuno” cos “cartos que deberían destinarse a mellorar a dubidosa calidade dos servizos educativos que ofrece esta universidade”.

Despois de facer alusión ás “teorías máis casposas, etnicistas e reaccionarias do nacionalismo galego”, afírmase que a Universidade de Vigo gasta os cartos en “coaccionar o persoal para que cambie o seu apelido”. Tamén insta os “novos inquisidores” do “plan de desinfección” a que comecen aplicando a galeguización “ao líder do BNG, Anxo Quintana –din por Anxo Quintá–, en lugar de tirar diñeiro público e de ameazar aqueles que non se plegan ante as pretensións totalitarias dos nacionalistas”.

Relacionada coa anterior información, Libertad Digital publica un artigo de opinión asinado por Cristina Losada baixo o título “El retorno de la limpieza de sangre”. Nel fala do nacionalismo galego como “nacionalismo con z” e asevera que , “a unha universidade que permite e financia unha campaña así, débeselle despoxar de ese nome. Mantelo deshonraría unha institución que naceu apelando o universal”.

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: