quarta-feira, 15 de outubro de 2008

[ANT] 'O galego é un idioma que vende no audiovisual'

Guionista e produtor, Carlos Ares (A Coruña 1966) é un dos coordinadores do Foro Academia Aberta 2008, organizado pola Academia Galega do Audiovisual, que se está a celebrar dentro do XIII Festival de Cine Internacional de Ourense. Baixo o lema 'A lingua fendida', o debate xira ao redor da presenza do galego no audiovisual.

Cal é a realidade do galego no audiovisual?

Este ano hai en cartel 8 películas con versión orixinal en galego, unha cifra que non se acadaba nos últimos anos. Na xornada de onte do foro, dábanse cifras da película rodada en catalán máis vista no 2007. Acadou 37.000 espectadores. En Galiza, Pradolongo, de Ignacio Vilar, superou os 50.000 espectadores. Hai que ter en conta que Catalunya ten o dobre de habitantes que Galiza. É dicir, a situación estaba mal, pero empeza mellorar. O que temos que conseguir é que sexa habitual acadar 50.000 espectadores para unha película en galego. No que se refire a televisión, a TVG é a televisión autonómica que máis se ve no Estado e hai días que é líder de audiencia fronte ás cadeas estatais.

Até que punto condiciona o idioma?

Os cidadáns somos moi cómodos. Temos costume de ver as películas dobradas no Estado fronte ao que acontece en Portugal. É difícil colocar o cine en galego e chegan poucas películas francesas, vascas, catalás... Debería haber máis axudas para o subtitulado e a dobraxe pero tamén para a distribución, que é outro dos nosos grandes problemas.

Existe conciencia para os produtores de que o galego é importante ou para eles é máis ben un factor que dificulta ou facilita o financiamento e explotación da obra?

Hai de todo, pero polo xeral non existe moito cariño polo idioma por parte dos produtores.

Aféctalle o conflito da lingua aos profesionais da industria do cine?

Aféctalle, si, pero temos que comprender que o galego é unha lingua que vende cando nos referimos ao audiovisual, tanto no cine, como na televisión ou na publicidade.

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: