quarta-feira, 26 de março de 2008

[ANT] A Mesa fala de 'mínimos históricos' do galego nos medios

A organización convoca unha manifestación para o 18 de maio en Santiago baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”. Callón considera que houbo melloras na atención ao galego na CRTVG.

“Polo dereito a vivirmos en galego”. Este é o lema da manifestación que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística en Santiago para o domingo 18 de maio. Na presentación da protesta, o presidente da organización, Carlos Callón, alertou do retroceso que sofre a lingua en ámbitos como o ensino e os medios de comunicación.

Niveis da Transición

Así, o presidente da Mesa denuncia que o emprego do galego nos medios privados do país está nos niveis máis baixos dende a Transición. Callón culpa a Xunta, en concreto á Presidencia do Goberno, de permitir que as subvencións que reciben os empresarios da comunicación para fomentar a lingua non se traduzan nun uso real do idioma. Por iso, urxe a Xunta a “tomar medidas” e a “exercer a súa responsabilidade”.

No referido aos medios públicos, a Mesa alerta do “claro retroceso” nos medios do Estado. Callón incluso asegura que o uso do galego está en “mínimos históricos na CRTVE” malia “as peticións do Parlamento, dos traballadores e da sociedade”.

Mellora na CRTVG

Polo contrario, a Mesa fala de “melloras substanciais” na CRTVG, aínda que tamén indica que “queda moito camiño por recoller”.

En opinión de Callón “non hai ningún ámbito da vida social no que non se garanta que se poida usar o galego nun 50 por cento como mínimo”. En particular atacou a Consellaría de Educación –de quen dixo que non está a facer cumprir as porcentaxes mínimas de horas en galego– e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, á que acusou de “non actuar e ter unha liña continuísta dende tempos do Goberno do PP”.

Os conservadores e a asociación Galicia Bilingüe foron outros dos obxectivos da Mesa. Callón argumenta que este partido e a asociación que dirixe Gloria Lago están a montar unha “escandaleira cínica” ao alertar dos supostos ataques ao español no país.

Chamamento aos concellos

A Mesa agarda que a manifestación do 18 de maio sexa “masiva” e fai un chamamento a asociacións, sindicatos e outros organismos –especialmente aos concellos– a unirse á convocatoria. O manifesto da protesta será aprobado este sábado, 29 de marzo, durante a Asemblea Xeral que terá lugar na Galería Sargadelos de Santiago.

Fonte: A Nosa Terra.

Sem comentários: