quarta-feira, 9 de abril de 2008

[gznacion] O alcalde de Ferrol comprométese a aumentar o uso do galego no Concello

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e o responsábel da asociación na zona de Ferrol, Carlos Outeiro, acadaron hoxe compromisos concretos do alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, de cara á normalización do galego no concello.

Un dos temas tratados na reunión que mantiveron esta mañá foi o relativo aos actos en torno á Semana Santa, nos que se exclúe o galego de xeito sistemático. Segundo o presidente da Mesa, Carlos Callón, “non se dá unha imaxe fidedigna da realidade lingüística e cultural do Concello de Ferrol, onde o galego existe”. Vicente Irisarri comprometeuse coa asociación en defensa da lingua a que, de cara ao ano que vén, realizará xestións coas confrarías para que se utilice a nosa lingua.

Asemade os representantes da mesa aproveitaron a reunión para recordarlle ao alcalde que hai acordos tanto do Parlamento galego como do propio pleno do Concello de Ferrol, ademais da ordenanza de Normalización Lingüística, nos que se recolle que todos os cargos públicos teñen que utilizar o galego con normalidade. Algo que, tal e como lle sinalaron Callón e Outeiro, hoxe por hoxe non “isto non se está a cumprir, empezando polo alcalde, pero tamén por varios concelleiros”. Irrisarri comprometeuse tamén neste punto a ir aumentando progresivamente a cantidade e a calidade do uso do galego nas súas intervencións, e que lle vai facer chegar aos concelleiros instrucións para que fagan o propio.

Manifestación do 18 de maio

A Mesa tamén solicitou ao Concello que que realice unha declaración institucional de apoio á manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística que, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 18 de maio. Este mesmo convite fáiselle ao resto dos concellos galegos, e tamén se busca o respaldo ao manifesto a todo tipo de entidades: centros de ensino, sindicatos, organizacións estudantís, asociacións veciñais, empresas, etc. Para facer efectivo tal apoio, pódese enviar un correo electrónico a amesa@amesanl.org ou enviar un fax ao 981 58 37 82.

Os representantes da Mesa pola Normalización tamén lle solicitaron a Vicente Irisarri que poña os medios de transporte para que os veciños da cidade poidan asistir a ese acto de reivindicación do noso idioma, que sairá ás doce do mediodía da Alameda compostelá para rematar na Praza da Quintana.

Fonte: gznacion.

Sem comentários: