terça-feira, 13 de maio de 2008

[Diario de Ferrol] Pilar García Negro: “O noso idioma está peor que hai dez anos”

A asociación cultural Medulio programa para esta semana varias actividades ó redor da lingua. Onte mesmo interviu na Escola Oficial de Idiomas Pilar García Negro, profesora, investigadora e unha importante activista na loita por ampliar a presenza do galego na sociedade.

O acto comezou coa proxección dunha entrevista a García Negro feita por Lois Diéguez. Trátase do primeiro traballo audiovisual dunha serie que edita a Fundación Bautista Álvarez. O seguinte estará dedicado a Prisciliano e a súa época.

Neste vídeo, a que fora deputada do BNG no Parlamento entre 1989 e 2003, recorda a loita por que o galego gañara terreo e fora recoñecido nas leis a partir da segunda metade dos 70. “A miña idea era que se nos ía a vida en rompermos o mutismo e a afasia”. Así que Pilar García Negro desenvolveu un inxente traballo en Galicia e fóra para “popularizar e prestixiar a lingua galega”.

Eses azos son agora menos, xa que di que “esa forza social pro-galego foise relaxando e compartimentando” e agora hai un “uso endogámico e cómodo”. García Negro opina que a situación do idioma é peor que hai unha década, xa que nos terreos en que o galego non avanza hai maior presenza do castelán. Ela constata dous feitos: unha “mingua clamorosa do galego como lingua inicial” e tamén un fracaso na política feita no ensino xa que, despois de varios anos, “non se produciu a ampliación da docencia en galego nin o seu asentamento nos rapaces e rapazas”.

As leis > Pilar García Negro analizou en 1991 a situación na que as leis deixaban ó galego e a súa análise, segundo asegura nesta entrevista realizada en 2006, é válida anos despois porque na arquitectura legal “continúa habendo un esquema de subordinación do galego e segue habendo unha hexemonía legal do español a tódolos efectos”.

Para esta profesora “seguimos a padecer unha política lingüística escasa e feble” e actitudes “descaradamente a favor do español”. Ademais de falar de institucións públicas que nin sequera cumpren as leis -co caso flagrante, durante anos, do Concello da Coruña- remitiuse a iniciativas nas que un suposto bilingüismo o que fai é deixar o galego nun segundo plano e presentar o castelán como imprescindible.

Ademais falou dunha situación na que o emprego do galego “non está garantido” e só é “pacífico” cando se axusta a determinados eidos. “Se instamos a que se cumpra a cativa lexislación ou queremos empregar a lingua en lugares en que nunca se discute a existencia do español aparecenos problemas”, indicou.

Fonte: Diario de Ferrol.

Sem comentários: