Mostrar mensagens com a etiqueta lazer. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta lazer. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 4 de fevereiro de 2008

[20 minutos] A festa non vai parar

María Yañez Anllo

Con este título unha canción «dance» está a arrasar nas discotecas do país. O retrouso ten a mesma ciencia que o de calquera outro en calquera idioma: A festa non vai parar/ Contigo quero xogar/ Esta noite voarei/ co son dance do meu DJ. A única diferenza, e novidade, é que está en galego. E o máis asombroso é que non se fixera antes.

Porque a lingua principal do gando (con cariño) que acudimos ás grandes macrodiscotecas como Hermo de Muimenta, LP-45 de Ordes ou Tattoo da Estrada somos máis ou menos da aldea e falamos máis ou menos en galego. En cambio, os carteis, os camareiros, fálannos en castelán. Di DJ Son1c que cando pincha A festa non vai parar, composta por el, a disco entolea. Cancións en inglés e castelán hai a patadas, e esta triunfa porque chama a atención. Neste mundo onde todos competimos contra todos, marcar a diferenza é esencial. E este gando está desexando que nos boten pienso pensado (só) para nós.

Fonte: 20 minutos.

Ler mais...

terça-feira, 29 de janeiro de 2008

[A Nosa Terra] Ata logo, Xabarín

A TVG elimina o programa xuvenil da franxa de tarde e só se emitirá polas mañáns

O porco bravo máis coñecido de Galiza deixa aos nenos sen entretemento de tarde, e é que a TVG pasará a emitilo só en horario matinal.

Segundo indicou A Mesa pola Normalización Lingüística e o Colectivo de Pais e Nais polo ensino en Galego, a cadea autonómica reduce o horario do clube a un oco a primeira hora da mañá e aos sábados na mesma franxa.

“Grave retroceso”

Para ambas organizacións a prol do galego, este feito supón un “grave retroceso”, xa que o Xabarín foi “dende os seus comezos”, unha ferramenta privilexiada para a transmisión do galego aos máis novos da casa.

Alicerce dunha xeración

Deste xeito, toda unha xeración ve como o mítico espazo xuvenil que acadara notabel éxito con series de animación, concursos e cancións en galego, queda relegado a un espazo de menor audiencia. Mesmo hai quen fala xa da Xeración Xabarín.

Fonte: A Nosa Terra.

Ler mais...

Proposta parlamentar para que as ajudas aos meios de comunicaçom se vinculem ao uso do galego

O Parlamento debatirá que as subvencións aos medios se vinculen ao emprego estable

O Parlamento de Galicia debaterá proximamente unha proposta para que as axudas da Xunta aos medios estean vinculadas á loita contra a precariedade laboral e ao uso real do galego. O texto da proposta explica que a presentación da mesma é produto da mobilización que organizou recentemente o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) baixo o lema "A miña precariedade é a túa desinformación".

O SXG defende que, no caso de existir, as subvencións aos medios non poden servir para financiar a explotación laboral de moitos traballadores, como sucede na actualidade.

O DOG non se cumpre

A Proposición recolle a denuncia do Sindicato de que na actualidade os cuantiosos cartos públicos que conseguen as empresas serven para financiar "as xornadas laborais abusivas, os contratos en precario, o abuso de persoal en prácticas e o aumento da porcentaxe de falsos autónomos".

O Sindicato alerta que os partidos e a Xunta non poden seguir sendo cómplices desta desfeita; mais cando é evidente que a maioría das empresas están a vulnerar as condicións das ordes de axudas publicadas no DOG pola Xunta nos últimos anos, especialmente no referido a promoción da lingua.

Gracias aos que participaron na protesta

O SXG quere felicitar aos centos de profesionais que participaron na protesta do 5 de novembro. Mesmo pequenos actos como levar unha camiseta co lema "a miña precariedade é a túa desinformación" poden dar algún resultado, o que demostra que a organización sindical e a mobilización é a única vía para reducir a lacra da precariedade.

Dúas propostas

Por último, a organización agradece á deputada nacionalista Modesta Riobó a presentación da "Proposición non de Lei sobre as axudas económicas destinadas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión" . A raíz da súa inciativa os grupos parlamentarios deberán votar sobre estes dous puntos, indica o Boletín Oficial do Parlamento no seu número 460:

"1º) Que se vinculen as axudas económicas do Goberno Galego destinadas aos medios de comunicación á loita contra a precariedade laboral dos seus profesionais, introducindo na convocatoria de axudas cláusulas que penalicen ás empresas con altos índices de precariedade ou concedendo máis puntuación ás empresas demostren ter creado emprego estable no último exercicio.

2º) Que estas axudas económicas estean condicionadas ao uso real da lingua galega nos medios de comunicación, tendo os medios que xustificar un aumento do uso do galego en todas as seccións".

Fonte: Sindicato de Xornalistas de Galicia.

Ler mais...

quinta-feira, 24 de janeiro de 2008

[Vieiros] "Canastra" para o galego

O presidente da Federación Galega de Baloncesto reuniuse coa secretaria xeral de Política Lingüística para lle dar pulo ao galego no seu deporte.

O presidente da FGB, Francisco Martín, foi recibido esta cuarta feira por Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, para traballar xuntos dentro do Plan xeral de normalización da lingua galega, tamén no baloncesto.

Desde que comezou o seu proceso de revisión identitaria, a FGB, segundo contan, "quérese converter na entidade deportiva que se precisa en Galiza como símbolo do país". En coherencia con esta súa nova identidade corporativa, a FGB asumiu o sinal de identidade dos galegos: a nosa lingua.

As federacións comezan a se comprometer co uso do galego

Nesta estratexia, Francisco Martín falou con Marisol López e comezou un traballo que vai tentar converter o eido deportivo do baloncesto nun espazo de uso xeneralizado e normalizado do galego, segundo contan dende a FEB, facendo un traballo para que o galego sexa a lingua natural do baloncesto, a ferramenta do cambio social. Para isto vaise promover unha "visión afable, moderna e útil" del, "esfarelando prexuízos, reforzando e a súa estima e aumentando a súa demanda".

Fonte: Vieiros.

Ler mais...

sexta-feira, 18 de janeiro de 2008

[RTP] Galiza: Governo regional "está a trabalhar" para recepção das televisões portuguesas mas admite "grandes dificuldades"

Viana do Castelo, 17 Jan (Lusa) - O presidente da Junta da Galiza garantiu hoje que o seu executivo "está a trabalhar" para permitir a recepção das rádios e televisões portuguesas naquela região autónoma de Espanha, mas admitiu que o processo envolve "grandes dificuldades".

Em entrevista à Lusa, Emilio Perez Touriño explicou que as "grandes dificuldades" têm a ver com "as limitações do espaço radioeléctrico existente" na Galiza.

"A nossa prioridade será sempre garantir a correcta recepção na Galiza dos novos canais, tanto públicos como privados, de âmbito local e autonómico", disse Emilio Touriño.

A recepção de novos canais só será possível depois de realizado o "apagão analógico" na Galiza e a implantação da televisão digital terrestre, após o que o governo regional solicitará um multiplexer (conjunto de frequências) autonómico adicional, que implicará um investimento de 15 milhões de euros.

"A transição da tecnologia analógica para a digital implica, no caso da Galiza, a difusão, em sinal aberto, de mais de 40 novas televisões locais e duas novas televisões privadas de âmbito autonómico, além da conversão em digital dos canais privados e públicos estatais e autonómicos", referiu Touriño.

"Apesar de a prioridade do governo regional ser garantir a correcta recepção na Galiza dos novos canais, temos o compromisso de incorporar as emissões portuguesas na oferta mediática actual, uma vez consumado o apagão analógico", acrescentou.

O ministro dos Assuntos Parlamentares, Augusto Santos Silva, já disse que o Governo português segue "com interesse" a possibilidade das televisões portuguesas passarem a transmitir para a Galiza e colaborará nesse processo.

O primeiro-ministro espanhol, José Luis Zapatero, também garantiu que o Governo está aberto a estudar a possibilidade de dar meios técnicos adicionais para a difusão da televisão portuguesa na Galiza, mas frisou que este é um "tema complexo, com dificuldades técnicas, jurídicas e económicas".

Fonte: Rádio Televisão Portuguesa.

Ler mais...

[A Nosa Terra] Colaboración da TVG e a RTP

H. Vixande. As televisións galega e portuguesa realizarán proxectos comúns e compartirán espazos.

A partir da emisión en Portugal dun documental galego sobre o cantante José Afonso, as relacións entre as canles públicas galegas e portuguesas consolidáronse e o ano pasado a TVG e a Radio Televisión Portuguesa realizaron unha gala conxunta con ocasión do 25 de abril que probabelmente se repetirá nos vindeiros anos con puntualidade.

Ademais, as direccións das dúas canles tiñan moi avanzadas as negociacións para realizar unha serie de ficción e a emisión en Portugal dunha serie documental sobre a lusofonía realizada en Galiza. Estas negociacións detivéronse cando se renovou completamente a dirección da RTP, mais está prevista a súa reanudación proximamente.

A serie documental chámase Terras de Acolá e consiste en trece episodios de media hora de duración dirixida por Luís Menéndez que aborda a realidade dos países da lusofonía, incluídos entre eles a Galiza.

A TVG comezará en febreiro a súa emisión, para difundirse despois en Portugal. Respecto á colaboración de ficción, trátase dunha minserie dirixida polo portugués Leonel Vieira. É unha historia de suspense sobre mafias na fronteira. Xa hai unha partida orzamentaria para realizala. Na serie participa a produtora galega Continental.

Fonte: A Nosa Terra.

Ler mais...

sábado, 12 de janeiro de 2008

[A Nosa Terra] Para que as televisións portuguesas na Galiza?


Ângelo Gonçalves, Fundación Vía Galego

O goberno da Xunta, a través do director xeral de Comunicación Audiovisual, manifestaba no pasado 21 de decembro a súa vontade de facer realidade a recepción das televisións portuguesas na Galiza no futuro, reaccionando deste modo, por fin, perante a boa vontade manifestada en semanas anteriores desde os gobernos de Madrid e Lisboa, ben como desde outras instancias de relevancia.

Cómpre agora non esquecer o asunto e contribuír para que a tal vontade encontre concreción á maior brevedade posíbel. E neste sentido poderá ser de utilidade procederse a un labor pedagóxico que se centre na explicación dos proveitos esperábeis do visionado dos canais do país veciño para a Galiza.

Pode comezarse polo máis obvio. A recepción de canais portugueses significará o enriquecemento da oferta televisiva na Galiza e, por tanto, a mellora das posibilidades de os nosos receptores caseiros proporcionárennos un tempo de lecer satisfactorio cando os escollermos a tal fin, coas consecuencias positivas inmediatas que isto supón para a cualidade de vida das persoas. A isto debe ser acrecentado que en non poucos ámbitos programáticos as televisións portuguesas van por diante das do Estado español, sendo alí emitidos contidos que só meses despois chegan aquí.

A facilidade de acceso aos medios audiovisuais do alén Miño tamén nos habilitará para, moito máis sinxelamente, achegármonos á actualidade de territorios cos que boa parte da cidadanía galega ten contacto frecuente e relevante. Falo das persoas que traballan en Portugal, das que teñen negocio alí ou mesmo das que viaxamos alí para facermos compras ou pasear a cada pouco. Non fai sentido que a través da televisión poidamos acceder facilmente á actualidade de Almería, a onde boa parte de nós non viaxará nunca, e que non poidamos saber o que acontece en Valença do Minho ou Vila Nova de Cerveira, a onde moitos viaxarán varias veces no mes ou na semana.

O maior coñecemento na Galiza da actualidade portuguesa axudará tamén, con absoluta certeza, ao aproveitamento de sinerxías, de parcerías en todos os ámbitos imaxinábeis, que se perden, moitas veces, por falta de información e consciencia mutua. Isto pode resultar especialmente importante para o desenvolvemento da eurorrexión Galiza – Norte de Portugal, na que tanto esforzo se está a investir e que tan bos resultados está a producir xa no económico.

Como é sabido, boa parte das series e filmes en Portugal son emitidos en versión orixinal e con lexendas, estando os orixinais maioritariamente en lingua inglesa, derivándose disto unha maior facilidade para acceder ao inglés falado, que sempre poderá ser de axuda para quen estiver a aprender este idioma (a eficacia do sistema vén demostrada precisamente polo bo inglés que se verifica en Portugal; contrastando isto co pésimo nivel do Estado español), e proporcionando tamén un modo fácil e inmediato para nos irmos familiarizando co modo en que os portugueses escriben o noso idioma.

Finalmente, precisamente por seren televisións que empregan unha variante inserida no noso mesmo sistema lingüístico, a súa influencia será positiva para a desexábel recuperación da cualidade do idioma propio da Galiza, achegando palabras e expresións que sirvan para, polo menos, facilitar dun modo espontáneo e que require de pouco esforzo alternativas a castelanismos como “por suposto”, “plantexar” ou “sen embargo”, tales como “é claro”, “colocar” ou “no entanto”, respectivamente. E aínda será de interese para, dun modo con certeza máis eficaz que mil conferencias, lembrarmos á cidadanía galega que a lingua que naceu no Reino da Galiza é, como defendeu o galeguismo desde sempre, extensa e útil, coa importancia que isto ten no mundo global.

Fonte: A Nosa Terra.

Ler mais...

quinta-feira, 10 de janeiro de 2008

[Vieiros] Lingua e cine: Indiana Jones, do you speak Galician?


A Paramount confirmoulle á Generalitat que dobrará a película ao catalán. A Mesa pídelle á Xunta que negocie coa compañía.

As mocidades da Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse á Xunta para que se interese pola dobraxe ao galego do filme 'Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal. A última película de Steven Spielberg poderase ver nos cines do noso país a partir do vindeiro 22 de maio.

Dende A Mesa consideran que o éxito de público desta película está garantido, polo que é importante contar con versións na nosa lingua. A entidade non aforrou críticas á Secretaría Xeral de Política Lingüística e lembrou que o Plan Xeral de Normalización aprobado polo Parlamento en 2004 estabelece que se dobre ao galego un mínimo de dez filmes ao ano.

Fonte: Vieiros.

Ler mais...

sexta-feira, 4 de janeiro de 2008

[Vieiros] Os Reis Magos falarán galego? Iniciativa do BNG para galeguizar os xoguetes


O Bloque volve pedirlle á Xunta un maior esforzo para contar con bonecas, dvds e aparellos electrónicos en lingua galega.

O BNG instou á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dunha iniciativa parlamentaria, a que se adopten medidas prácticas dirixidas á galeguización de xoguetes e agasallos para os nenos. En concreto, o Bloque solicitou información sobre as xestións que ten previsto realizar a Xunta para que Galiza conte con bonecas que falen en galego, como acontece en Cataluña, para que se dobren vídeos e DVDs dirixidos a públicos infantís e xuvenís e para incorporar o idioma aos aparellos informáticos dirixidos aos máis novos.

Na súa intervención, Bieito Lobeira lembrou a importancia que adquiren os xogos e primeiras lecturas na aprendizaxe, de tal xeito que se se exclúe o galego das referencias e modelos que pode ter un neno, a infancia pódese converter "nunha boa escola de prexuízos lingüísticos, ao inculcar aos cativos a idea de que o galego é un idioma marxinal". Neste contexto, engadiu Lobeira, "é fundamental que estes criterios se teñan en conta, tanto polos pais nos agasallos como pola propia Secretaría Xeral á hora de posibilitar a existencia de xoguetes, filmes e leituras infantís en galego".

A Secretaría Xeral ofrece na súa páxina web unha lista de agasallos en galego para os máis pequenos, dende libros, roupa, e algúns DVDs e aparellos electrónicos.

Fonte: Vieiros.

Ler mais...

segunda-feira, 31 de dezembro de 2007

[La Voz de Galicia] Os pedagogos piden xoguetes en galego para fomentar o uso da lingua


Os anuncios destes produtos que se emiten nesta lingua na Televisión de Galicia suman xa o 82%. Os expertos insisten en que os nenos teñen a capacidade de falar distintos idiomas nas diferentes situacións.

Cada vez máis xoguetes parlantes ensinan aos máis pequenos as letras, os números e demais conceptos básicos en castelán e diferentes idiomas estranxeiros, pero o galego é o gran ausente. A Asociación de Pedagogos de Galicia reclama a fabricación de xoguetes en galego para facilitar a aprendizaxe e o uso da lingua. O presidente deste colectivo, José Manuel Suárez, sinalou que «os nenos poden falar diferentes idiomas nas distintas situacións da súa vida» e é en idades tempranas cando son capaces de adaptarse e aprender máis facilmente.

Por iso, en opinión deste colectivo, resulta de especial interese aproveitar o recurso do xoguete para a aprendizaxe, en especial no caso dos xogos interactivos que só terían que engadir un idioma máis no seu menú.

Cada vez son máis os anuncios televisivos de xoguetes que se poden escoitar en galego na TVG (un 82% estas Navidades), aínda que no mercado non se atopan no idioma no que se anuncian.

Fonte: La Voz de Galicia.

Libros, puzles, música e cómics, pero pouco máis

Tarefa pouco doada resulta a de atopar no día de hoxe no comercio algún xoguete en galego (no seu contido ou nas súas instrucións). De mañá achégome á rúa Colón de Ourense, a dos artesáns, para tentar localizar un deles. Penso que é un bo lugar. Alí todo se fai con mimo, coas mans, de forma persoal. En A Bufarda, establecemento de xoguetes didácticos e moi atraentes, atopo a Carlos Rodríguez, o seu propietario.

Cóntame que hai uns días tiña uns puzles de pezas en madeira, dirixidos a público menor de 3 anos, que estaban en galego, pero que agora xa non ten. Amablemente revolve na gran cantidade de produtos que vende. «En inglés, en alemán, en portugués, pero nada en galego», vaime contando. Rodríguez di que a cousa é complicada. Que hai poucas empresas que fabriquen xoguetes no idioma e que se ti pola túa conta pides que che fagan por encargo algo especial -coma un calendario- tes que pedir polo menos 400 exemplares. El fala en concreto dunha empresa belga que fai xoguetes en catalán e en euskera. E de repente lembra que hai semanas lle ofreceron vender un libro, cedé e deuvedé sobre cantigas e xogos populares en galego, pero que o pedido aínda non chegara. E iso que hai 15 días e ven dende Vigo.

Salgo da tenda e penso. Paso por decenas de xogueterías e nada de nada. Alguén dinme que seguro que na librería Torga, na rúa da Paz, atopo algo. A librería está especializada no idioma.

Pregunto ao entrar por calquera xoguete galego. A empregada mírame con sorpresa. Enseguida digo: «Un puzle, aínda que sexa». Iso si. Pero poucos. A empregada ensíname os tres modelos. Os números, as vocais e as horas do día. E de repente lembra un gran parchís ortográfico de Xerais. Isto é todo. Ademais da gran variedades de libros, cómics e música en galego da librería. «¿Non haberá algo que soe, que se escoite?», pregunto. A empregada de Torga me conta o caso dun osiño que fala en castelán e en portugués. «Nós o poñemos en portugués, pero non é o mesmo», puntualiza.

E ao final marcho cun puzle. E penso que seguramente este non será o regalo perfecto para o meu sobriño. Penso que seguramente lle gustará mais o coche de Cars que fala castelán ou o ordenador de Mickey que lle ensina a falar inglés. Seguramente o puzle lle parecerá ben, pero non será o mesmo.

Hai meses os pedagogos galegos pedían aos empresarios de xoguetes que confeccionaran bonecas e outro tipo de xoguetes en galego. Ao parecer o caso que lle fixeron foi pouco e a cousa vai, máis ou menos, coma sempre.

Fonte: La Voz de Galicia.

Ler mais...

domingo, 30 de dezembro de 2007

[Diaro de Ferrol] Os escolares poderán participar nunha nova edición de "En galego, sen filtro"


Os escolares da cidade ferrolá e aqueles pertencentes a colexios que formen parte da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra terán este curso unha nova oportunidade de poñer a proba as súas capacidades artísticas. Poderán facelo a través dunha nova edición, a oitava, do certame "Poesía e Imaxe. En galego, sen filtro", organizado polo Concello de Ferrol e a devandita asociación.

Para participar, os alumnos deberán presentar unha composición plástica de debuxo, pintura, colaxe ou fotografía, a que elixan, que estea inspirada nunha das 14 propostas poéticas da literatura universal escollidas pola entidade organizadora e escritas en difentes linguas -todas elas coa súa tradución ao galego-.

ESTEVO BARROS

O certame estruturarase en diferentes niveis, agrupándose en categorías por grupos de idade (Educación Infantil, 1º a 3º de Primaria, 4º a 6º de Primaria, ESO e Bacharelato e ciclos formativos.

Nunha primeira fase, na que o propio centro realizará actividades que relacionen o mundo da expresión poética co da expresión plástica, o colexio seleccionará unha única obra por nivel para participar na fase intercentros. Destas, un xurado nomeado polos organizadores seleccionarán un máximo de trinta en función dos criterios de calidade estética, orixinalidade e a interrelación entre a linguaxe poética e plástica. Os traballos presentados entrarán a formar parte, como en cada edición, dunha exposición pública. Cada centro enviará as obras seleccionados na fase inicial antes do vindeiro 13 de febreiro.

Obxectivo > Con esta iniciativa, xa consolidada no calendario escolar da cidade, preténdese contribuir á normalización da lingua galega entre os mozos, animándoos ao mesmo tempo a exhibir as súas cualidades artísticas a través de diferentes artes plásticas.

Fonte: Diario de Ferrol.

Ler mais...

[La Voz de Galicia] A edición en galego gañou en vendas e perdeu en títulos e tiraxe


O presidente dos editores galegos fai un repaso ao ano e sinala: «Non podemos ser demasiado optimistas». A literatura infantil supuxo un 24% do vendido, mais «non garantirá lectores de futuro», di Alfonso García.

Duascentas vinte e catro persoas traballan nas pouco máis de corenta editoriais galegas que se agrupan na Asociación Galega de Editores. A maioría das editoriais apenas sobreviven nun mercado dominado polo castelán e moi feble: case un 60% dos galegos non leron un só libro no 2007. Nin en galego nin en castelán. Moitas foron saíndo adiante estes anos coas publicacións de libros de texto e o bum da literatura infantil e xuvenil apoiado nos programas escolares. No 2007, libros de texto e literatura infantil e xuvenil supuxeron máis do setenta por cento das súas vendas. Mais o mercado contráese tamén por este lado. «O panorama non é moi bo nin moi malo», di Alfredo García, o presidente da Asociación Galega de Editores, que non sabe con que carta quedarse: «O 2007 foi un bo ano se o miramos polo lado das vendas, que aumentaron un 22% cando no conxunto do Estado o crecemento foi do 3%. Pero non podemos ser demasiado optimistas, porque neste ano diminuíron os títulos editados, case 400.000 menos, e tamén as tiraxes». Alfonso García fai balance do ano unha semana despois de que os editores entregaran os seus premios.

«Que seis de cada dez galegos non leran un libro o ano pasado debería mover á reflexión a máis sectores que ao editorial. É unha responsabilidade social aumentar a capacidade lectora. A nós nos afecta en canto que impide o afianzamento do sector do libro en galego». Facturando nas escolas. «Máis da terceira parte do que facturaron este ano as editoriais galegas veu dos libros de texto. É certo que a produción para as escolas ten moito peso e permitiu aguantar outras producións, pero estamos ante una época de regresión. As previsións son que diminúa a edición escolar en galego. Está o problema das optativas: teñen poucos alumnos, o que non fai rendible a edición, e por riba hai poucos profesores que as impartan en galego. Si, a Xunta é consciente deste problema. Pero fallan ornamentos». Lectores que se perden. «O outro gran soporte das editoriais é a literatura infantil e xuvenil. No 2007 este xénero supuxo case que unha cuarta parte das vendas en galego. Pero estamos a falar de libros prescritos. Si, é un xeito de promover a lectura en galego, pero non crea lectores cara o futuro. Sábese que coa idade diminúe o hábito lector e que moitos rapaces que len ata os 13 ou 14 anos abandonan despois. O Plan de Lectura da Xunta é ambicioso. Esperemos que sirva para facer visíbeis os libros en galego nas bibliotecas públicas e escolares. Ata o de agora, non hai relación entre o que se gastou e o que aumentaron as vendas».

«Non sei se hai un público obxectivo para a literatura en galego. Por aí manéxase unha cifra de 144.000 lectores en Galicia que len máis de 6 libros ao ano e que fan lecturas en galego».

Fonte: La Voz de Galicia.

Ler mais...

quarta-feira, 26 de dezembro de 2007

[Vieiros] A prol de brinquedos que falen na lingua do país!


"Os nenos non nacen cun disco duro, poden falar diferentes idiomas nas distintas situacións da súa vida, adáptanse e aprenden doado", explica Xosé Manuel Suárez, da Asociación de Pedagogos de Galicia.

Un boneco que fale galego, un cómic traducido ou un xogo interactivo plurilingüe constitúen ferramentas "importantes" e que reportan "vantaxes" para facilitar a aprendizaxe da lingua e o seu uso, polo que o presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia, Xosé Manuel Suárez, suxírelle aos empresarios que deixen os "prexuízos" e fabriquen xoguetes que falen galego.

"Os nenos non nacen cun disco duro, poden falar diferentes idiomas nas distintas situacións da súa vida", precisoulle Suárez a Europa Press, engadindo que "os nenos se adaptan" e "aprenden doado". Ao respecto, asegurou que os xoguetes "son un condicionante" a maiores na aprendizaxe, e de aí que teña "toda a importancia do mundo" que esta ferramenta se presente tamén en lingua galega para "aproveitar os recursos".

Na súa opinión, o fabricantes téñeno doado" porque existe a "dispoñibilidade tecnolóxica". Sobre todo, o presidente da asociación referiuse aos xogos interactivos, que só necesitarían incorporar o galego entre as opcións do menú inicial.

E de aí que os nenos "xoguen cada vez menos en galego cando o fan de forma individual", queixouse o voceiro en materia de Lingua do Grupo Parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, quen denunciou un "retroceso" nos últimos tempos e puxo como exemplo que xa non se traduzan os cómics de Asterix que, lamentou, "xa non se poden ler en galego".

Na procura da creación do "mercado"

Así mesmo, Bieito Lobeira, que propuxo bonecos que falen "catalán, éuscaro e galego", revelou que "hai moitos pais que teñen problemas" para conseguir xoguetes ou obter as instrucións correspondentes na lingua propia. Os nenos están "excluídos" nas franxas de idade máis baixas porque non existen recursos de aprendizaxe.

Neste contexto, a publicidade de xoguetes enche as pantallas de televisión durante a tempada de Nadal e, cada vez máis, os anuncios pódense escoitar en galego, segundo datos da CRTVG aos que tivo acceso Europa Press. Non obstante, os xoguetes que se anuncian nesta lingua, non se poden atopar no mercado no idioma en que se publicitaron.

Concretamente, entre o 1 de setembro e o 12 de decembro emitíronse 1.113 pases de anuncios de xoguetes en castelán fronte a 5.162 en galego, o que supón un 17,71 e un 82,26%, respectivamente. O número de anuncios ascende a 65 en castelán, un 26,75% do total; e a 178 en galego, o que supón un 73,25% dos 243 anuncios de xoguetes que se emitiron neste período.

Faltan nos andeis das xogueterías

Non obstante, un repaso polos estantes dunha xoguetería revela que os avances do plurilingüismo no ámbito da publicidade non se reflicten nas embalaxes dos xogos e, de feito, empresas de xoguetes consultadas por Europa Press confirmaron esta tendencia.

Fronte a esta situación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística de la Xunta de Galicia publicou na súa páxina web unha serie de recomendacións para regalar en galego, entre as que se inclúen algúns xogos educativos para nenos de entre 3 e 12 anos, aínda que os xogos se limitan a interactivos. O propio departamento recomenda "para os máis mañosos" os libros dos personaxes 'Os Bolechas', nos que a través dun mecanismo pequeno se poden transformar nun camión de bombeiros e un de lixo en ambulancias ou en coches de policía.

Ao respecto de xogos asociativos, nos que os nenos deben relacionar unha imaxe cunha letra, o mercado ofrece 'Ás vogais' e 'O abecedario'' que están destinados a recoñecer os vogais e aprender a súa correspondente grafía, así como a formar un crebacabezas onde aparezan as letras en orde alfabética, en cada caso.

'Ás horas do día', que tamén se presenta en formato interactivo, consisten en formar un crebacabezas onde aparezan todas as horas do día e está pensado para que os nenos aprendan de forma "doado" as horas a través das diferentes actividades da xornada.

Con características máis tecnolóxicas, están á venda 'Iago divertido' e 'Iago next', para nenos de entre 3 e 6 anos, no primeiro caso; e de entre 5 e 9, no segundo; que ofrecen diferentes actividades en galego. Precisamente, o primeiro deles contén 54 tarefas, animación musical, luces e son, amplo vocabulario e unha guía pedagóxica, mentres que o seguinte, alcanza as 103 actividades, ten unha pantalla LCD, dobre rato -- profesional e táctil --, teclado con numerosas funcións e dous cartuchos para ampliar contidos.

O abano de posibilidades amplíase nos ámbitos das películas e dos libros, de maneira que Política Lingüística recorda que existen os DVD dos debuxos 'Doraemon' e Shin Chan', que son dous dos personaxes "favoritos" dos máis pequenos. Outros títulos recentes de "éxito" son 'O Cid, a lenda', 'O soño dunha noite de San Xoán', 'PK3, Pinocchio 3000' ou 'Pérez, ou ratiñó dous teus soños'. En canto aos libros, o departamento lingüístico propón a diversas editoriais, entre as que se atopan A Nosa Terra, Baia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Galaxia, Kalandraka, OQO, Sotelo Branco Edicións ou Tambre-Grupo Editorial Luis Vives.

Suárez incidiu en que os nenos "aprenden xogando" porque relacionan imaxes e formas con palabras, interaccionando con marionetas, debuxos, viñetas.., e que "do mesmo xeito que conseguen falar inglés, poden facelo en galego". "Beneficios?: tenos todos", sentenciou.

Fonte: Vieiros e Europa Press 26/12/2007

Ler mais...